Vinte e cinco empresas artesás fórmanse en marketing dixital e xestión de redes sociais
- A Xunta organiza a formación online “Marketing dixital e xestión de redes sociais” dirixido ao sector artesán galego que comeza hoxe e remata o próximo 5 de novembro
- A Fundación Artesanía de Galicia está a introducir a modalidade online na súa proposta formativa, ademais de potenciar os contidos relacionados coa presenza dixital e a difusión e a comercialización online
A Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, a través da Fundación Artesanía de Galicia, organiza un curso online de formación para achegar o sector artesán galego aos novos métodos de marketing e de comunicación, así como mellorar a competitividade e a comercialización nas súas empresas. “Marketing dixital e xestión de redes sociais” comeza esta tarde coas 25 prazas cubertas e un alto número de solicitudes en lista de agarda.
As sesións comezan hoxe e continuarán os días 23, 29 e 30 de outubro, así coma o 5 de novembro. Ao longo da formación traballarase sobre a estratexia dixital, a construción da marca, a venda online, a creación de contido, o uso das redes sociais como ferramenta de difusión e de xeración de negocio, regras e tipos de contidos para as diferentes redes, a publicidade online e as ferramentas de monitorización e seguemento de clientes. Unha vez tocados todos os temas, cada un dos participantes terá acceso a unha consultoría individualizada de dúas horas de duración, na que poderá analizar o caso da súa marca e da súa estratexia dixital.
Javier Rocamora, consultor e formador especialista en marketing online, xestión de redes sociais e comercio electrónico, é o encargado de impartir esta formación especializada para os artesáns. Conta con 28 anos de experiencia profesional ligados ao mundo do marketing e das vendas e está centrado no eido dixital dende o ano 2005.
As empresas artesás que participan no curso son Cabuxa (Tui), Las flores de Greta (Gondomar), Montse Betanzos (O Grove), Taller Viola (Oza dos Ríos), Emcouros (A Coruña), Rosa Higuero (Cabanas), Muchachicha (Cotobade), Milena Colella (Santiago de Compostela), Artesanía Chavello (Cervantes), Hiel de Buey (Vigo), María Feijóo (Santiago de Compostela), Bellatore (Santiago de Compostela), A Factoría Atelier (O Grove), Batiskafo Artesanía (Santiago de Compostela), Macala Joyas (Teo), Aldea artesán de A Fraga (Xermade), Telartesan (Ourense), Rosa Méndez (Teo), Luis Míguez Relojero (Ordes), Atalanta Madeira (A Estrada), Obradoiro Cerámica Castrexa Castrolandín (Cuntis), Joyas Siliva (Abegondo), Félix de Martín (Ourense), Dena D’Interiores (Santiago de Compostela) e Fernando Vicens (Marín).
Nesta última parte do ano, a Fundación Artesanía de Galicia está a apostar pola formación do sector artesán galego en novas fórmulas de xestión, de divulgación e de comercialización, baseadas no eido online que lle permitan aos profesionais abrir novas vías de venda dos seus produtos. Este mes de outubro estase a celebrar o curso “Formación estratéxica para a nova artesanía”, centrado na xestión empresarial, e o vindeiro luns comeza outra formación online dirixido ao colectivo das redeiras artesás de Galicia e enfocado na xestión comercial e no marketing, no marco do proxecto Enredadas, que busca a diversificación do oficio tradicional das redeiras galegas.