A Xunta abre a convocatoria para participar no III Foro Profesional de Instrumentos Musicais de Tui 'Resonancias23'

  • O encontro celebrarase os días 2 e 3 de agosto no marco da XVII edición do festival Música no Claustro e estará centrado na construción artesanal de instrumentos musicais, con especial atención ao emprego de madeiras galegas nestes oficios
  • Contará coa participación de luthieres de Artesanía de Galicia, músicos, investigadores e expertos en música, artesanía e patrimonio

A Consellería de Economía, Industria e Innovación impulsa a terceira edición do Foro Profesional de Instrumentos Musicais Resonancias 23, que se vai celebrar os días 2 e 3 de agosto no Claustro da Catedral de Tui, no marco do festival Música no Claustro. O evento, que como en ocasións anteriores está comisariado polo músico e investigador Samuel Diz, estará centrado na construción artesanal de instrumentos musicais, con especial atención ao emprego de madeiras galegas nestes oficios, e contará coa participación de lutieres de Artesanía de Galicia, músicos, investigadores e expertos en música, artesanía e patrimonio.

As inscricións para Resonancias 23 están xa abertas na páxina web da Fundación Artesanía de Galicia, onde pode consultarse o programa completo. O prezo para o público xeral é de 40€ e o custo está reducido para artesás e artesáns que formen parte do Rexistro Xeral de artesanía de Galicia, que será de 20€.  A programación deste ano abrirase o mércores 2 de agosto ás 10:00 horas coa conversa maxistral de Gerhard Grenzing, autor do órgano da Catedral de Tui. O programa inclúe mesas redondas, talleres prácticos, presentacións e visitas profesionais, incluíndo o obradoiro artesanal Campás Ocampo (Caldas de Reis), unha fundición con 400 anos de traxectoria.

O Foro Resonancias 23 está apoiado pola Xunta de Galicia, a través da Fundación Artesanía de Galicia, co obxectivo de achegar a profesionalización e a divulgación dos oficios artesanais nun diálogo co tecido artístico, de impulsar a investigación e a innovación no ámbito dos instrumentos musicais e de xerar un espazo de intercambio e coñecemento e de creación de sinerxías neste oficio. A deste ano é a oitava edición consecutiva do festival que conta coa colaboración da Xunta para promover a incorporación dos oficios artesáns galegos dentro da programación deste evento musical que é xa unha cita consolidada e de referencia.