A Xunta destaca citas como o ’Corazón da Artesanía‘ para poñer en valor os nosos oficios e garantir a remuda xeracional
- O director xeral de Comercio e Consumo respondeu na Comisión 6ª de Industria, Enerxía, Comercio e Turismo sobre este evento que se desenvolveu en xullo en Agolada coa presenza de 52 obradoiros inscritos en Artesanía de Galicia
- Gabriel Alén destacouno como referente, con máis de 5.000 persoas asistentes e vendas e contratos asinados a nivel nacional e internacional de grande relevancia para o noso sector artesán
- Apostou pola continuidade de actos coma este co gallo de garantir o futuro da artesanía galega, ao tempo que puxo de relevo apoios da Xunta ou o programa pioneiro que está a desenvolver novos cursos para asegurar a remuda xeracional
O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, compareceu hoxe na Comisión 6ª de Industria, Enerxía, Comercio e Turismo do Parlamento, onde puxo de relevo a feira Corazón da Artesanía -que este ano se celebrou a comezos de xullo no recinto histórico-artístico dos Pendellos de Agolada- como iniciativa referente que contribúe a enxalzar os nosos oficios e a garantir a remuda xeracional. Ao tempo, referiuse a apoios da Xunta e a programas como o pioneiro Aprender de Tradición. Oficios e técnicas, no marco do que se están a desenvolver novos cursos para asegurar o futuro do sector.
Sobre a feira de Agolada recoñecida co Premio Nacional de Artesanía 2023 na categoría Promociona para Entidades Públicas, o director xeral destacou que serve de punto de encontro para prescritores de pequenas e grandes firmas e tendas galegas e nacionais. Na edición deste ano participaron 52 profesionais da Artesanía de Galicia, 36 como expositores e outros 14 como docentes nos cursos de formación especializada e talleres organizados. En canto aos expositores de produtos gourmet, este ano estivo presente a oferta de 32 empresas, 19 das cales contaban co selo de Artesanía Alimentaria.
Alén salientou a repercusión económica a medio e longo prazo das diferentes edicións que se foron sucedendo do Corazón da Artesanía, ata chegar á número 11 deste ano, cando contou con máis de 5.000 persoas asistentes, e vendas e contratos asinados a nivel nacional e internacional. Ao configurarse como un evento multidisciplinar e como un gran escaparate de difusión dos produtos que promove relacións do sector con empresas de distribución e tendas, avogou por darlle continuidade, en paralelo a outras iniciativas e programas da Xunta enmarcados na estratexia a prol de garantir o futuro da nosa artesanía, como vertebradora do territorio e fixadora de poboación especialmente na Galicia non urbana.
Compromiso da Xunta
O director xeral referiuse a apoios como á orde de fomento da comercialización da artesanía para promover tanto a organización como a participación en feiras, á de transformación dixital ou á de comercio circular. Tamén aludiu a iniciativas como Artesanía no prato, onde o sector artesán conflúe coa gastronomía; ou ao recente Creafogar, onde os obradoiros galegos puideron mostrar o seu bo facer nun espazo efémero de interiorismo en Santiago. Non quixo esquecerse da xornada Novas artesanías para novas ecoloxías, que vén de confirmar o seu atractivo nacional e internacional en Chantada no marco do programa Novos presentes e futuros do Goberno galego.
Na súa intervención, Alén tamén destacou o programa único en España Aprender da tradición. Oficios e técnicas, no marco do que se están a desenvolver novos cursos para promover que as novas xeracións aposten polo sector artesán, en concreto, arredor da sombreirería, da xastrería, da olería de Buño, da forxa e da ourivería.
O representante autonómico resaltou que nesta iniciativa formativa pioneira xa teñen participado máis dun cento de persoas para conservar e renovar técnicas e oficios tradicionais e para captar novos talentos, téndose acadado a incorporación efectiva de alumnado ao mercado laboral.