A Xunta destaca a importancia dos oficios e das técnicas tradicionais para a creación de pezas artesanais de alta calidade

  • O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, e a xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, visitaron esta mañá en Santiago de Compostela o curso Marroquinería fina que imparte o artesá Ezequiel Franchi ata o 23 de marzo
  • Esta iniciativa enmárcase no programa Aprender da tradición. Oficios e técnicas, iniciado o ano pasado e destinado á mellora continua dos profesionais da artesanía e á captación de novos talentos para o sector de xeito que se contribúa á remuda xeracional nestes oficios tradicionais
  • Nesta primeira parte do ano estanse a desenvolver cursos especializados na tapicería, no tecido, na ourivería compostelá, na patronaxe, na tornería de madeira, na olería tradicional de Buño e na xastrería

O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, e a xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, visitaron esta mañá en Santiago de Compostela o curso de formación de Marroquinería fina. Elaboración dunha tote bag con asas ríxidas, que imparte o artesán Ezequiel Franchi, do obradoiro Raíces Nómadas Atelier (Ribadeo), finalista nas dúas últimas edicións dos Premios Artesanía de Galicia.

Nesta formación trátase de afondar nas técnicas manuais de deseño e elaboración dun bolso de coiro e de perfeccionar diferentes técnicas da marroquinería. O curso estase a desenvolver desde o pasado 16 de febreiro no espazo de Creativas Galegas en Santiago de Compostela, en horario de 16:00 a 20:00 horas os venres e de 10:30 a 14:00 horas e 15:30 a 20:00 horas, os sábados. Entre o alumnado atópanse titulares de obradoiros de Artesanía de Galicia e persoas con formación no oficio da marroquinería, en belas artes e no deseño.

Durante a súa visita, o director xeral destacou a importancia da recuperación e mantemento das técnicas tradicionais dos diferentes oficios, como base para unha artesanía contemporánea de alta calidade e de boa factura.

Este curso de formación enmárcase no proxecto Aprender da tradición. Oficios e técnicas, un programa impulsado pola Xunta a través da Fundación Artesanía de Galicia e iniciado o pasado ano como un incentivo que permita asegurar a remuda xeracional naqueles oficios e técnicas máis tradicionais.

Nesta primeira parte do ano, estanse a desenvolver cursos especializados en tapicería, no tecido, na ourivería compostelá e na acibechería, na patronaxe e na tornería de madeira, e continúanse a desenvolver dous cursos formativos iniciados a finais do ano pasado e especializados en xastrería e na olería tradicional de Buño.

Ao longo deste ano está previsto incrementar o número de actividades formativas especializadas en técnicas tradicionais vinculadas a diferentes oficios co obxectivo de ampliar o abano de oficios nos que asegurar a remuda xeracional.