A Xunta destaca o obradoiro de Rosa Méndez en Teo como exemplo da capacidade da artesanía galega para reinventarse grazas á dixitalización

  • O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, sinala que o comercio electrónico é un dos principais retos do sector
  • O último ano un total de 97 artesáns beneficiáronse de apoios que mobilizan case 570.000 euros en diferentes liñas específicas de axuda
  • Rosa Méndez está especializada na elaboración de xoiería en vidro e aposta pola promoción e comercialización do seu traballo a través da web e de feiras internacionais, para as que contou co apoio da Administración autonómica

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, salientou hoxe durante a visita ao obradoiro da xoieira artesá Rosa Méndez que este é un exemplo da capacidade da artesanía galega para reinventarse grazas á dixitalización e ao comercio electrónico, destacando ademais que este negocio está enfocado á venda en tendas especializadas, galerías e tendas de museos, para o que é fundamental a súa presenza en feiras internacionais.

Conde sinalou que a aposta polo comercio electrónico é un dos principais retos do sector, apuntando que no último ano un total de 97 artesáns se beneficiaron de apoios que mobilizan case 570.000 euros a través de diferentes liñas específicas para impulsar a comercialización dixital e física neste ámbito, o e-commerce ou a ecoinnovación.

Dentro destes apoios, a semana que vén está previsto publicar no Diario Oficial de Galicia (DOG), a resolución das axudas para participar e organizar feiras e eventos en liña ou presenciais, das que se benefician 33 obradoiros, comerciantes e asociacións do sector, con apoios por preto de 150.000 euros.

Traballo co vidro

Rosa Méndez forma parte da marca Artesanía de Galicia desde a creación do seu obradoiro no ano 2004, no Concello de Teo, especializado no traballo co vidro. Moi pronto decide apostar pola promoción e comercialización das súas coleccións de xoiería a través de feiras profesionais internacioanais de recoñecido prestixio, para o que contou co apoio das diferentes ordes de axuda impulsadas pola Xunta, e que lle permitiron comercializar as súas pezas en diferentes lugares do mundo. Actualmente, as súas pezas pódense atopar en países como Alemaña, Australia, Austria, Bélxica, Canadá, China, Corea, Croacia, Dinamarca, Estados Unidos, Francia, Grecia, Italia, Irlanda, Lituania, Países Baixos, Reino Unido, Rusia, Suecia, Suíza e Xapón.

As súas coleccións de xoiería véndense tamén nas tendas de prestixiosos museos de arte contemporánea. A primeira que se fixou no seu traballo foi a tenda do MOMA de Nova York, no ano 2009, e desde aquela a lista foi en aumento. Na actualidade vende nas tendas de 12 museos, entre os que destacan o de Arte Contemporánea de Chicago, o MOMA de San Francisco, o Paul Getty de Los Ángeles, a Royal Academy de Londres, o Guggenheim de Venecia ou o Reina Sofía de Madrid.

Durante a pandemia comezou a comercializar tamén na rede de tendas da Réunion des musées nationaux Grand Palais, onde as súas pezas xa se poden mercar, polo de agora na tenda online. Por outro lado, Rosa Méndez acaba de iniciar unha vía de comercialización directa a través da súa tenda online, que acaba de ser recoñecida como Selección Anuaria 2020, na última edición destes premios de deseño gráfico. Rosa Méndez foi finalista nos Premios Artesanía de Galicia 2016 e no ano 2010 a súa colección Submarina resultou tamén finalista dos Premios Nacionais de Artesanía.