A Xunta impulsa a formación especializada para artesáns nos Días Europeos da Artesanía

  • A xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, visitou esta tarde o curso de “Conformado de sombreiros de feltro”, impartido por Nina Paulowsky en Baiona
  • Os Días Europeos da Artesanía é unha iniciativa de divulgación dos oficios artesanais que se celebra ata o domingo 2 de abril en 23 países europeos, no que en Galicia participan máis de 50 artesáns
  • A Xunta, a través de Artesanía de Galicia, coordina o programa na Comunidade e colabora con diferentes propostas en Vigo, Ourense, Santiago de Compostela, Buño, Ponteceso, Muros, Mondoñedo, Triacastela, Oia, Gondomar e Niñodaguia

  
No marco dos Días Europeos da Artesanía, que se celebran ata o domingo 2 de abril, a Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e  Innovación continúa co seu programa de formación especializada dirixido a obradoiros que forman parte da marca Artesanía de Galicia, co obxectivo de consolidar a súa profesionalización e incrementar a súa competitividade. A xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, visitou esta tarde en Baiona o desenvolvemento do curso de “Conformado de sombreiros de feltro”, impartido por Nina Paulowsky, estra sombreireira e presidenta da Asociación Española de Sombreirería. 
Con este curso, no que participan 10 artesáns, péchase tamén o proxecto Menestralía, impulsado por Espacio Hylica durante todo o mes de marzo para divulgar os oficios vinculados ao traballo coa la, e que conta coa colaboración da Fundación Artesanía de Galicia. Esta actividade formativa, que se celebrou onte e hoxe nas instalacións de Espacio Hylica en Sabarís (Baiona), estivo enfocada á creación de sombreiros en feltros a través de moldes, diferentes aprestos, adornos e remates. 
Os Días Europeos da Artesanía é unha iniciativa promovida en España pola Escuela de Organización Industrial (EOI) e pola súa área de promoción da artesanía, Fundesarte, no que a Xunta de Galicia colabora por décimo primeiro ano consecutivo. A Fundación Artesanía de Galicia foi de novo a encargada de coordinar o programa de actividades na Comunidade, no que participan máis de 50 obradoiros de Artesanía de Galicia e outras entidades asociativas e centros de divulgación da artesanía. Na programación inclúense  xornadas de portas abertas en obradoiros artesanais, demostracións en vivo, exposicións, cursos de iniciación e actividades infantís. Dende o pasado luns e ata o domingo, a Xunta patrocina diferentes actividades en Vigo, Ourense, Santiago de Compostela, Buño (Malpica de Bergantiños), Ponteceso, Muros, Mondoñedo, Triacastela, Oia, Gondomar e Niñodaguia (Xunqueira de Espadanedo).