A Xunta impulsa a transmisión da ourivería e da acibechería tradicional de Compostela

  • O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, e a xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, asistiron en Santiago de Compostela ao remate dun curso sobre ‘Técnicas de ourivería e acibechería’
  • O obradoiro foi impartido por Ricardo Rivas, recoñecido co Premio Traxectoria nos Premios Artesanía de Galicia 2020
  • O curso enmárcase no proxecto ‘Aprender da Tradición. Oficios e técnicas’, impulsado pola Xunta desde finais de 2023 e dirixido a conservar e a renovar técnicas e oficios tradicionais e captar novos talentos para o sector

O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, acompañado pola xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, participaron esta mañá na última das sesións do curso Técnicas de ourivería e acibechería que impartiu en Santiago de Compostela o ourive Ricardo Rivas, recoñecido co Premio Traxectoria nos Premios Artesanía de Galicia 2020.

A través da posta en marcha do programa formativo Aprender da tradición. Oficios e técnicas no que se enmarca este curso de ourivería, a Xunta continúa coa súa aposta pola remuda xeracional nos oficios artesanais máis tradicionais de Galicia. Esta iniciativa está destinada a conservar e a renovar técnicas e oficios tradicionais co obxectivo de mellorar a capacitación dos artesáns galegos e a captar novos talentos para o sector.  

Este curso desenvólvese dende o pasado 2 de febreiro no taller de Ricardo Rivas, no barrio de Meixonfrío. Entre o alumnado atópanse titulares de obradoiros de Artesanía de Galicia, estudantes de xoiería da EASD Mestre Mateo e novos talentos do ámbito da xoiería. A actividade ten por obxectivo dar a coñecer as técnicas que empregaban os ourives composteláns na elaboración das súas pezas desde hai séculos, facendo fincapé nas características máis destacadas da ourivería compostelá, no emprego de  da prata, do acibeche e dos esmaltes.

O programa formativo Aprender da tradición. Oficios e técnicas iniciouse a finais de 2023 como un incentivo que permita asegurar a remuda xeracional naqueles oficios e técnicas máis tradicionais. Precisamente unha das liñas estratéxicas da Xunta en materia de artesanía é preservar o patrimonio cultural e promover o desenvolvemento económico e a sustentabilidade de oficios, técnicas e coñecementos ancestrais transmitíndollelos ás xeracións futuras.

Polo momento, impulsáronse un total de doce cursos de formación no marco deste proxecto, especializados na tapicería, no tecido, na marroquinería, na patronaxe, na ourivería, na xastrería e na olería tradicional de Buño.

Ao longo deste ano está previsto incrementar o número de actividades formativas especializadas en técnicas tradicionais vinculadas a diferentes oficios co obxectivo de ampliar o abano de oficios nos que asegurar a remuda xeracional.