A Xunta participa en Sevilla nunha xornada de debate sobre artesanía contemporánea

  • A xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, participou esta mañá nunha mesa redonda sobre estratexias de deseño, tecnoloxía, marketing, comercialización, promoción, xestión e formación
  • Este foro acompaña a exposición “Mestres do futuro. Artesanía e deseño en Europa”, que se pode visitar dende hoxe ata o 31 de maio no Castelo de San Jorge, en Sevilla.
     

A xerente da Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, participou esta mañá na xornada “Reinventando a artesanía en clave contemporánea”, organizada pola Asociación Contemporánea de Artes y Oficios, en colaboración co Ministerio de Cultura e Deporte e co apoio do Ayuntamiento de Sevilla. Este foro acompaña a exposición “Mestres do futuro. Artesanía e deseño en Europa”, que se pode visitar dende hoxe ata o 31 de maio no Castelo de San Jorge, en Sevilla.
A xornada celebrouse na sede do Sevilla City Office e foi retransmitida en streaming. A intervención de Elena Fabeiro estivo enmarcada na mesa redonda “Reinventar a artesanía, estratexias para impulsar a artesanía contemporánea en España” na que se debateu sobre artesanía contemporánea, estratexias de deseño, tecnoloxía, marketing, comercialización, promoción, xestión e formación. Así mesmo, analizouse o perfil dos consumidores de artesanía contemporánea. 
Na mesa redonda participaron tamén Antonio Suárez, director do Centro Nacional de Albayzín e coautor do libro “Repensar a artesanía. Estratexias para impulsar a artesanía contemporánea”; Elena Goded, artesá especializada en tecido fundadora da marca Abbatte e presidenta de SACo, Asociación Española de Artesanía Contemporáneas; así como Francisco Carrera Iglesias (Paquili), mestre de bordado de grande prestixio internacional. A mesa redonda estivo moderada por Marisa Santamaría, analista de tendencias internacionais de deseño, arquitectura, estilos de vida e movementos contemporáneos. 
Durante a xornada tamén se trataron temas como a circularidade e o desenvolvemento sostible vinculados á artesanía, a formación académica en materia de artesanía ou a artesanía como patrimonio cultural inmaterial e as súas oportunidades en relación ao turismo. 

Mestres do futuro. Artesanía e deseño en Europa
Dende hoxe e ata o 31 de maio poderase visitar no Castelo de San Jorge, no barrio sevillano de Triana, a exposición “Mestres do futuro. Artesanía e deseño en Europa”, organizada polo Ayuntamiento de Sevilla e coordinada pola Asociación Contemporánea de Artes y Oficios, co apoio da Fundación Michelangelo e do Ministerio de Cultura y Deporte.