A Xunta presenta en Fitur a nova edición do seu proxecto pioneiro ‘Artesanía no Prato’ que promove as sinerxías entre gastronomía e artesanía

  • O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, presentou no stand de Galicia a reedición do libro “Artesanía no Prato” no que se inclúe unha versión en inglés e se incrementa o número de restaurantes e de obradoiros de Artesanía de Galicia
  • Alén destacou que se trata dun proxecto pioneiro que impulsa as sinerxías entre a artesanía e a gastronomía de xeito que se enxalcen mutuamente, mellorando a experiencia sensorial para o consumidor e engadindo singularidade e exclusividade
  • A artesá Cristina Velasco Mora, de obradoiro Anaquiños de papel (A Coruña), participa este ano no stand de Galicia en Fitur coa creación dun set fotográfico de vexetación galega e con demostracións do seu oficio no mesmo horario do evento

O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, acompañado da xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, presentou no stand de Galicia en Fitur a reedición do libro Artesanía no Prato, unha publicación que recolle as bases do proxecto homónimo impulsado pola Xunta desde 2013 co obxectivo de incorporar as pezas de Artesanía de Galicia como soporte dos menús de chefs galegos, promovendo así as sinerxías co deseño e a gastronomía. A nova edición inclúe a versión dos textos en inglés e incrementa o número de restaurantes e obradoiros. Na presentación tamén participaron, entre outros, o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, a delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, o director da Casa de Galicia en Madrid, Luis E. Ramos, e a xornalista autora dos textos, Macarena Navarro-Reverter.

Durante o acto, Gabriel Alén destacou que Artesanía no Prato é un proxecto pioneiro en España co que se consegue unir dous ámbitos vencellados ao territorio e á produción local de xeito que se enxalcen mutuamente, mellorando a experiencia sensorial para o consumidor e engadindo singularidade e exclusividade. A través da gastronomía, Artesanía de Galicia consegue chegar a públicos que aprecian a autenticidade e a autoría que hai detrás das pezas e dos menús, mentres que os cociñeiros conseguen que o deseño dos soportes artesanais se axusten ao que queren comunicar en cada prato.

O libro Artesanía no Prato recolle o traballo conxunto entre profesionais da artesanía e da gastronomía, dende o inicio do proxecto, un período de tempo no que están a ser moitos os obradoiros artesanais que están a colaborar con cociñeiros para crear vaixelas exclusivas e pezas personalizadas. Na publicación inclúese unha escolma de fotografías de Stephane Lutier sobre pratos realizados por 15 restaurantes galegos —tres máis que na primeira edición— e nas que se amosan pezas de 33 obradoiros de Artesanía de Galicia, que conta con dúas incorporacións. Os restaurantes que aparecen representados son Miga, Bido, Millo e Pracer, da Coruña; os composteláns Abastos 2.0, A Carrilana, A Maceta e A Tafona; Restaurante España (Lugo); Casa Solla (Poio); Culler de Pau (O Grove); e A Parada das Bestas (Pidre, Lugo). As novas incorporacións son Nado e Peculiar (A Coruña), e Regueiro da Cova (Verín).

Canto aos obradoiros de Artesanía de Galicia, no libro aparecen pezas dos oleiros Alberto Lista, Alfarería Rulo, Cerámica Creare e Obradoiro Gorín (Buño, Malpica de Bergantiños), así como de Alfarería Agustín (Niñodaguia, Xunqueira de Espadanedo); dos obradoiros especializados en madeira Armaior (Quiroga), Atalanta Madera (A Estrada), Carballo Estrela (Pontevedra) e Lorenzo Design (Santiago de Compostela); da cesteira Idoia Cuesta (Outeiro de Rei); do artesán especializado en coitelos Celso Ferreiro (A Fonsagrada); do obradoiro de vidro Arteviares (A Coruña); da zoqueira e marroquineira Elena Ferro (Merza, Vila de Cruces); e dos obradoiros especializados na cantería Fernando Vilariño (Mondoñedo) e GSC Petrum (Cuntis). Aparecen tamén pezas dos ceramistas da Coruña Arobe Cerámica, Branqueta, Susana Anta e Verónica Moar; Laura Delgado (Cambre); Barreiros Artesanía (Nogueira de Ramuín); Ceniza de papel (Lugo); Fernando Porto (A Estrada); Raposiñas (A Pobra do Caramiñal); Regal Cerámica (Viveiro); Cerámica Suve (Cangas); Unzueta Cerámica (Brión); Xaime Piñeiro (Santiago de Compostela); e dos ceramistas vigueses Carlos San Claudio, Ojea Studio e Witchneeds. As novas incorporacións son o obradoiro de coiro Coiro Tres Pés (Pontevedra) e o de madeira Néboa na Ría (Sada).

Artesanía en papel
Ata o remate da feira, a artesá Cristina Velasco Mora participará no stand de Galicia elaborando un set fotográfico de vexetación galega e facendo demostracións do seu oficio. Cristina Velasco é a titular do obradoiro artesanal Anaquiños de papel (A Coruña), un estudio de deseño e creatividade no que a materia prima que se emprega é o papel. Flores, animais, tocados, lámpadas.... son algúns dos obxectos que se crean no seu estudio artesanal —inscrito en Artesanía de Galicia— empregando técnicas coma o origami (arte xaponés de dobrar papel) e o paperart. Cristina Velasco recibiu o Premio Bolsa Eloy Gesto nos Premios Artesanía de Galicia 2018 e nos últimos anos as súas creación saíron publicadas en medios como VOGUE, Telva, AD Spain, Elle, etc. Algúns dos seus clientes son Loewe, Cartier, Inditex, Cruz Roja, Ecoembes, Scalpers, Porcelanosa, Kave Home, Simorra, Little Creative Factory, Mr. Wonderful, etc., e ten colaborado con diferentes deseñadores.