A Xunta presenta en Madrid a súa iniciativa para incorporar Artesanía de Galicia como soporte dos menús gastronómicos
- A xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, participou esta tarde nunha mesa redonda sobre o proxecto ‘Artesanía no Prato’ impulsado pola Xunta dende o ano 2013 co obxectivo de facer converxer Artesanía de Galicia e gastronomía para aumentar a singularidade e a exclusividade do resultado final
- Na mesa redonda, que estivo moderada polo director da Casa de Galicia en Madrid, Luis E. Ramos, participaron tamén a comisaria e consultora de artesanía contemporánea Macarena Navarro-Reverter, e a ceramista Ana Tenorio, gañadora do Premio Artesanía de Galicia 2018
- O evento enmárcase no programa de actividades da mostra fotográfica ‘Artesanía no Prato que se pode visitar na sede da Casa de Galicia en Madrid ata o 30 de outubro
A xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, participou esta tarde en Madrid nunha mesa redonda sobre ‘Artesanía no Prato’ unha iniciativa pioneira impulsada pola Xunta dende o ano 2013 co obxectivo de incorporar a Artesanía de Galicia como soporte dos menús de recoñecidos cociñeiros e cociñeiras, co que se está conseguindo establecer sinerxías e colaboracións entre profesionais destes dous ámbitos. Na mesa participaron tamén a ceramista Ana Tenorio, do obradoiro Witchneeds (Vigo) - Premio Artesanía de Galicia 2018 - e a comisaria e consultora de artesanía contemporánea en A Mano, Macarena Navarro-Reverter, que é ademais autora dos textos do libro Artesanía no Prato. O debate estivo moderado polo director da Casa de Galicia en Madrid, Luis E. Ramos.
Artesanía no Prato é un proxecto pioneiro en España co que se consegue unir dous ámbitos vinculados ao territorio e á produción local de xeito que se enxalcen mutuamente, mellorando a experiencia sensorial para o consumidor e engadindo singularidade e exclusividade. A través da gastronomía, Artesanía de Galicia consegue chegar a públicos que aprecian a autenticidade e a autoría que hai detrás das pezas e dos menús mentres que os cociñeiros conseguen que o deseño dos soportes artesanais se axusten ás súas necesidades e lles permitan destacar o que queren comunicar en cada prato.
No ano 2023, co obxectivo de reflectir dez anos de traballo conxunto entre profesionais da artesanía e da gastronomía, a Xunta editou o libro Artesanía no Prato, no que se amosa que son xa moi numerosos os obradoiros artesanais que colaboran con cociñeiros para crear vaixelas exclusivas e pezas personalizadas. A publicación conta cunha edición ampliada deste mesmo ano 2025 na que se inclúe unha escolma de fotografías de Stephane Lutier sobre pratos realizados por 15 restaurantes galegos e nas que se amosan pezas de 33 obradoiros de Artesanía de Galicia, especializados en cerámica, en coiro, en madeira, en cestería, en pedra, en olería tradicional, en vidro e na elaboración de coitelos. Nesta publicación amósanse tamén tres casos exitosos de colaboración entre profesionais da artesanía e da gastronomía entre as que se atopa a ceramista Ana Tenorio e a súa colaboración co chef Pepe Solla.
Ana Tenorio
Ana Tenorio é Licenciada en Belas Artes pola Universidade de Vigo e formada en diferentes disciplinas creativas e visuais, funda o taller de cerámica Witchneeds en 2017. Desde 2018 forma parte de Artesanía de Galicia, ano no que recibe o Premio Artesanía de Galicia pola súa obra “O bosque interior”. Na súa primeira colección de carácter utilitario, a cerámica actúa como soporte pictórico no que explorar a paisaxe. Busca transmitir emocións e conceptos a través de diferentes técnicas e formas imperfectas, en antítese coa produción en serie, nas que a natureza e a experimentación son unha constante, creando pezas artesanais e únicas. Dende os seus comezos centra a súa produción no desenvolvemento de pezas de vaixela para restaurantes como Casa Solla, Eirado da Leña, Nado, Kero, Culler de Pau, Silabario, A Tafona, Oba, La Salita, Barro, Aponiente, Alevante, Santerra e Palacio de la Oliva.
Macarena Navarro-Reverter
Macarena Navarro-Reverter é historiadora e xornalista. Dende 2013 dirixe a consultora AMANO que ten como obxectivo potenciar, poñer en valor e comunicar a calidade da artesanía tradicional contemporánea española a través de exposicións, talleres, xornadas, conferencias, etc. Comisaria de exposicións como a mostra itinerante internacional Artesanía Contemporánea Española, París 2021, producida pola AECID; Sevilla. Sombra Iluminada, Madrid Design Festival 2023; entre outras. É autora dos libros Hand Made Spain; España, un recorrido gastronómico a través de su gastronomía; Hecho a mano en Madrid; Sevilla: diseño y artesanía; e Artesanía no Prato. Asesora de proxectos sobre artesanía española para empresas e institucións públicas e privadas de ámbito nacional e internacional. Na actualidade é docente do Máster de Xestión Cultural de La Fábrica.
Exposición Casa de Galicia
Esta mesa redonda forma parte do programa de actividades da mostra Artesanía no Prato que se pode visitar ata o día 30 de outubro na Casa de Galicia en Madrid (Calle Casado del Alisal, 8. Retiro). Trátase dunha exposición de fotografías de Stéphane Lutier que reflicten a esencia do proxecto Artesanía no Prato e o proceso de integración nos espazos gastronómicos no que converxen Artesanía de Galicia e gastronomía. Ademais da exposición fotográfica, a mostra inclúe un bodegón de pezas artesanais de diferentes oficios que representan o bo funcionamento e os resultados do proxecto Artesanía no Prato dende o ano 2013. A mostra poderase visitar en horario de 10:00 a 14:00h e de 16:00 a 21:00h, de luns a sábado, e de 10:00 a 14:00h os domingos.