A XXVI Feira de Artesanía de Ourense conta coa participación de 19 obradoiros de Artesanía de Galicia

  • A xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, acompañada pola xerente de Galicia Calidade, Ana Méndez, e o director do Centro de Referencia Nacional de Artesanía, Antonio Suárez, visitou esta mañá a feira que se celebra na rúa do Paseo ata o domingo 7 de maio
  • Nesta edición participan obradoiros artesanais especializados en cerámica, xoiería, bixutería, marroquinería, arranxos florais, esmaltes e téxtil
  • Na programación da feira inclúense obradoiros de cestería, olería, instrumentos musicais e la de ovella autóctona

A xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, acompañada pola xerente de Galicia Calidade, Ana Méndez, e o director do Centro de Referencia Nacional de Artesanía, Antonio Suárez, visitou esta mañá a XXVI Feira de Artesanía de Ourense, que estará aberta ata o domingo 7 de maio na rúa do Paseo, organizada pola Asociación de Artesáns de Ourense, en colaboración coa Xunta.

Na edición deste ano participan como expositores 19 obradoiros de Artesanía de Galicia e un procedente de Asturias, especializados no traballo coa xoiería, cerámica, esmaltes, marroquinería, téxtil, bixutería e arranxos florais. Os obradoiros de Artesanía de Galicia son Xakarandá (Marín), Amorei (Soutomaior), Chueco (A Coruña), La Aguada Artesanías (Ribadavia), Mario López (Vigo), Silvereira (Ames), Zimzelatum (Gondomar), Montse Betanzos (O Grove), Paz Navas (A Coruña), A Sariña Maquinando (Ourense), Suso Calo – Lobo Tolo (Moaña), Geli Fraga (Cambre), Noga Arts Joyería (Santiago de Compostela), Mestura de Kores (Vigo), Taller Viola (Oza-Cesuras), Cerámica Ferreira (Vigo), Las Flores de Greta (Gondomar), Rosa Fraíz (Vilagarcía de Arousa) e María Aba (Ourense).

Na programación de actividades inclúense tres talleres de artesanía en horario de 11:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 20:00 horas. O martes 2 de maio a cesteira Julia de la Cal impartirá un taller de cestería caótica; o mércores 3 de maio haberá un taller de La de ovella autóctona, a cargo da artesá Teté Mareque, o venres día 5 será a quenda do luthier Marcos Domato, e o sábado 6 haberá un taller con Olería do Batán.