Novas
A Xunta reforzará no 2025 a promoción da artesanía e produtos galegos a través da rede de centros da colectividade no exterior
O conselleiro participou en Liechtenstein na celebración do 45 aniversario do Centro Español Apóstolo Santiago, un acto que reúne a máis de 700 asistentes
José González expresou o seu recoñecemento ao traballo deste Centro, fortemente vencellado á Costa da Morte, no fomento das tradicións e da identidade galega, actuando de nexo cos emigrantes afincados tamén en Alemaña, Austria e Suíza. Destacou o compromiso da Xunta co importante labor que desenvolven entidades como a de Liechtenstein para seguir fornecendo os lazos da diáspora con Galicia. Ademais, continuaranse impulsando as bolsas BEME, unha ferramenta estratéxica para a atracción de talento da mocidade galega que reside fóra, coa novidade de que en 2025 incluirán na oferta tamén estudos de grao a través dunha iniciativa piloto. A implicación da Xunta cos galegos do exterior reflíctese na demanda feita polo Executivo galego ao Goberno de España para que elimine as desigualdades que impón aos retornados no fiscal ou na sanidade.
Artesanía, saber e sabor promocionará en Ribadavia a artesáns e produtos de calidade diferenciada para dinamizar o comercio local
A conselleira do Medio Rural e o conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración presentaron hoxe o evento na capital do Ribeiro, que se celebrará do 6 ao 8 de decembro. Esta acción abranguerá un mercado de Nadal de Artesanía Alimentaria e de Artesanía de Galicia, entre outras actividades que se celebrarán no casco histórico da vila, empregando tamén locais comerciais en desuso e a igrexa da Magdalena. O evento serve como arranque do proxecto Vilas Vivas, que aposta pola dinamización de cabeceiras de comarcas a través de sinerxías entre gastronomía, comercio e turismo, ofrecendo novas experiencias a veciños e visitantes de fin de semana. O mercado de Nadal de Ribadavia é un dos catro organizados pola Xunta para potenciar o selo de Artesanía Alimentaria; os outros tres terán lugar en Santiago de Compostela, Lugo e Vigo, todos eles antes de fin de ano. Ademais da comercialización de produtos englobados nos selos de Artesanía Alimentaria e Artesanía de Galicia, os asistentes poderán participar en catas, degustacións, obradoiros dirixidos a familias e profesionais, baile ou música.
A Xunta recibe o premio ‘Personaje del Año’ polo seu labor de apoio á artesanía de Galicia
O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, recolleu esta tarde en Madrid o galardón na categoría “Artesanía” outorgado polo semanario Fuera de Serie, do grupo Unidad Editorial. Durante a súa intervención, Alén destacou que Artesanía de Galicia é unha marca consolidada e que se atopa na vangarda das tendencias contemporáneas que apostan polas producións locais, polo consumo consciente e pola sustentabilidade. Entre as medidas do goberno galego para apoiar o sector destacou o programa formativo ‘Aprender da tradición. Oficios e técnicas’ ou o proxecto ‘Artesanía no Prato’, que explora sinerxías coa gastronomía e o comercio de proximidade.
A Xunta impulsa a comercialización do sector artesanal galego favorecendo a súa presenza en novos mercados nacionais e internacionais
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración cos beneficiarios da orde de comercialización dirixida ao sector artesán galego. Concedéronse axudas por un importe superior aos 211.000 euros a 84 entidades: 80 obradoiros artesáns, dúas asociacións profesionais e dous concellos. En 2025 a Xunta continuará reforzando o seu apoio ao sector para que poidan asistir a feiras de calquera ámbito territorial e abrir novos mercados, sumado ao labor da Fundación Artesanía de Galicia, que incrementa nun 14% o seu orzamento.
A Xunta promove na ‘Maker Faire Galicia’ a conexión das novas xeracións cos oficios artesanais
O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, participou na mesa inaugural da I Xornada de oficios Revitalizando a tradición, que se celebra hoxe en Santiago de Compostela, no marco da X Maker Faire Galicia. A xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, participará nunha mesa redonda sobre novos materiais con Attua Aparicio, Mauro Trastoy e Francisco Guitián. Na programación constan recoñecidos profesionais de Artesanía de Galicia como a zoqueira Elena Ferro (Premio Nacional de Artesanía 2019) ou Fran Millán (Premio Artesanía de 2023). Están previstos tamén obradoiros de iniciación á estampaxe con Amor ó teu (Ames), de coiro con Mocao Artesanía (Oleiros) e de cianotipia e mamorlado, con Peixesapop (Vigo), entre outras actividades.