Novas

Rueda destaca o sector da artesanía coma garante da identidade galega e embaixador da marca Galicia por todo o mundo

10/12/2024

O presidente da Xunta participou na entrega dos Premios Artesanía de Galicia 2024. Asegura que os preto de 800 obradoiros que hai na comunidade representan “a Galicia potente que ten que estar no mundo, pero sen renunciar as súas raíces”. A Xunta incrementa un 14% o apoio á Fundación Artesanía de Galicia para 2025 e reforza o programa ‘Aprender da tradición’ que forma en oficios coma a forxa, a xastrería ou a olería. Salienta o apoio do Goberno autonómico ao pequeno comercio cunha nova edición dos Bonos Activa Comercio e o futuro Plan estratéxico do sector que se aprobará no primeiro trimestre de 2025.

A Xunta pon a “Artesanía, saber e sabor” como punto de partida do proxecto piloto de dinamización do tecido comercial de vilas galegas que implantará en 2025

07/12/2024

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración visitou os mercados da igrexa da Magdalena e da Praza Maior, ademais de obradoiros no casco antigo de Ribadavia. José González destacou que o evento deste fin de semana en Ribadavia fai uso efémero de baixos comerciais en desuso cun amplo programa no que se mestura a tradición e a innovación, parte da filosofía do que será o programa Vilas Vivas. O obxectivo é dinamizar localidades como Ribadavia -un eixo deste piloto- a través de eventos abertos á participación de artesáns, produtores de artesanía alimentaria, adegas ou outlets de moda, para ofrecer unha experiencia integral ao visitante. O conselleiro enmarcou esta acción na aposta polo sector, que contará no 2025 cun novo plan estratéxico apoiado en medidas como os Bonos Activa Comercio, cuxa sexta edición se ampliará a partir deste luns cun investimento adicional de 2,5M€.

Artesanía, saber e sabor converterá Ribadavia nun mercado de produtos artesáns e alimentarios galegos para dinamizar o comercio de proximidade

27/11/2024

Esta acción da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e da Consellería do Medio Rural desenvolverase entre o 6 e o 8 de decembro no casco histórico da vila. Será en horario e 11,00 a 14,00 h e de 16,00 a 20,00 h e incluirá un mercado de Nadal de Artesanía de Galicia, que albergará a igrexa de Santa María da Magdalena, e outro de Artesanía Alimentaria, que estará situado na Praza Maior. Con esta iniciativa a Xunta busca poñer en valor a artesanía e os produtos alimentarios galegos de calidade diferenciada, explorando novas experiencias para a súa comercialización co uso efémero de diferentes locais comerciais. Ademais da comercialización de produtos englobados nos selos de Artesanía Alimentaria e Artesanía de Galicia, os asistentes poderán participar en catas, degustacións, obradoiros dirixidos a familias e profesionais, baile ou música.

A Xunta pon en valor en Pontevedra os oficios artesanais entre os novos talentos do deseño de moda

22/11/2024

A xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, entregou hoxe durante a pasarela ‘Debut 24’ o premio á colección con maior valor artesanal, dotado con 1.700 euros e patrocinado polo Goberno galego por cuarto ano consecutivo. A Xunta apoia tamén un obradoiro de cestería aplicada á moda para o alumnado do Mestrado Universitario en Deseño e Dirección Creativa en Moda da Universidade de Vigo, impartido por Belén Martínez, de Casa Atlântica.

A Xunta apoia o sector da acibechería no marco da artesanía galega

20/11/2024

O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, e a directora xeral de Formación Profesional, Eugenia Pérez, asistiron esta tarde á presentación do proxecto Acibechería-iMATUS: Construíndo futuro para un oficio milenario.