Novas
A Xunta impulsa a internacionalización da artesanía de Galicia no mercado nórdico a través da súa participación na feira profesional Formex
A Fundación Artesanía de Galicia regresa á feira profesional Formex, que se celebra en Estocolmo ata o venres, cunha colección de pezas de artesanía tradicional e contemporánea que reúne o traballo de 37 obradoiros artesanais. Como resultado deste apoio á comercialización e á promoción do produto artesán galego neste tipo de eventos de referencia internacional, Artesanía de Galicia conta xa con 52 puntos de venda en diferentes países e seis distribuidores fóra do país.
A Xunta destaca Regal cerámica como exemplo do papel vertebrador da Artesanía de Galicia
O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, visitou hoxe en Viveiro as instalacións de RegalXunqueira, onde subliñou a importancia do sector artesán na dinamización cultural e económica. Este obradoiro vende as súas pezas en tendas especializadas e galerías de toda España, parte de Europa, América e Asia. A marca Artesanía de Galicia, que engloba a 789 obradoiros que realizan 88 actividades artesanais diferentes, é recoñecida a nivel nacional e internacional como sinal de calidade.
Artesanía de Galicia protagoniza o Mercado de Nadal de Ourense
O delegado provincial, Gabriel Alén Castro, participou esta mañá na inauguración do Mercado de Nadal que se pode visitar no 2º andar do Liceo de Ourense ata o xoves 5 de xaneiro.
A Fundación Artesanía de Galicia patrocina este evento de comercialización do produto artesán galego durante a campaña de Nadal, no que participan 8 obradoiros da marca Artesanía de Galicia especializados na xoiería, na cerámica, na bixutería e na madeira.
A Xunta promove a Artesanía de Galicia no comercio de proximidade
O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, visitou hoxe en Santiago o comercio Boles Galicia, dentro da campaña Vive o Nadal con Artesanía de Galicia. Explica que esta iniciativa trata de fomentar as compras en establecementos adheridos a Artesanía de Galicia, onde se poden adquirir pezas únicas e exclusivas saídas dos 789 obradoiros galegos con esta distinción. Sinala que o obxectivo é que esta marca sexa un dos maiores reclamos do comercio galego e de seguir sumando moitos máis establecementos que comercialicen produtos artesanais.
A Xunta apoia a comercialización da artesanía de Galicia no Nadal compostelán
A xerente de Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, visitou esta mañá a 11ª edición do Mercado da Estrela no que participan 33 obradoiros da marca. Durante esta fin de semana estase a celebrar na Rúa de San Pedro a tenda efémera ‘Feria non Leria’ na que se pode atopar o traballo doutros cinco obradoiros artesanais, que conta tamén co apoio da Administración autonómica.