Novas
A Xunta destaca a Feira Corazón de Artesanía como emblema do talento de Galicia neste sector e o seu potencial na dinamización do territorio
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración inaugurou en Agolada o XII Encontro da artesanía tradicional e popular de Galicia Corazón de Artesanía. José González subliñou que esta cita pon en valor os oficios artesáns e a promoción dos seus produtos incentivando a relación destes profesionais con empresas de distribución de produto e tendas co fin de impulsar este sector. Trátase dun grande escaparate do sector avalado por recoñecementos como o Premio Nacional de Artesanía 2023 na categoría para Entidades Públicas. O conselleiro expuxo que a aposta do Goberno galego pola artesanía de Galicia reflíctese no Plan estratéxico de comercio 2025-2030 con medidas como as futuras bolsas de aprendices para o programa "Aprender da tradición. Oficios e técnicas".
A Xunta impulsa en Sanxenxo a comercialización de Artesanía de Galicia a través dunha tenda efémera en colaboración coa marca D-Due
Durante os meses de xullo e agosto celebrarase a quinta edición da ‘Summer Shop D-Due & Artesanía de Galicia’, na que se poderán atopar pezas de 44 obradoiros artesanais galegos. A tenda está aberta na rúa Luis Vidal Rocha, 7 B-D, en horario de 10,30 a 21,30 h., de luns a sábados, e de 11,00 a 15,00 h. os domingos.
A Xunta promoverá o uso de pezas de Artesanía de Galicia na gastronomía e na restauración durante o corazón da Artesanía de Agolada
A programación do XII Encontro da Artesanía Tradicional e Popular de Galicia, que se celebrará do 4 ao 6 de xullo nos Pendellos de Agolada, inclúe showcookings de recoñecidos chefs galegos nos que se empregarán pezas de Artesanía de Galicia. No marco do proxecto Artesanía no Prato está programada tamén unha demostración de coctelería a cargo de Willy Gómez na que se empregarán as pezas de Laura Delgado gañadoras do Premio Artesanía de Galicia 2022. Ademais desenvolverase un curso de Deseño de útiles para a mesa, impartido polo artesán Santiago Besteiro.
A Xunta destaca o Festival Espírito Ribeiro como mostra da colaboración entre administracións a prol da difusión da artesanía de Galicia
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración visitou hoxe a V edición desta cita, que, como novidade este ano, cambia de formato rotando a actividade cada edición nun dos tres concellos organizadores, que son Castrelo de Miño, Cenlle e A Arnoia. O Goberno galego apoia a participación nesta cita de profesionais da marca Artesanía de Galicia e a organización de obradoiros gratuítos e para todos os públicos de técnica de gyotaku e de estampación pictórica con vexetais. González salientou o potencial da artesanía de Galicia como fonte de emprego e de emprendemento ligado ao territorio así como o compromiso do Goberno galego con este sector reflectido no Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030.
A Xunta destaca en Biscaia o vínculo entre artesanía e territorio con exemplos como o proxecto Enredadas
A xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, participou esta mañá en Karrantza na Xornada Arte e Pastoreo, impulsada pola marca Mutur Beltz a través dunha charla sobre artesanía contemporánea e territorio. O evento enmárcase na IX Residencia Artística del Buen Vivir, un referente da arte localizada no medio rural e concibida como unha convivencia creativa baseada na sustentabilidade, na agroecoloxía e nos vínculos comunitarios.