Novas
A Xunta celebra os Días Europeos da Artesanía con actividades na provincia de Ourense e co evento Artesanía de Galicia en Merza
O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, visitou hoxe os obradoiros impulsados pola Asociación de Artesáns de Ourense no seu local e no taller de Olería do Batán en Baños de Molgas, e logo estivo na VI Fornada Tradicional de Niñodaguia. Pola súa banda, a xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, asistiu ao obradoiro de coiro que está a impartir Antonina Kadyrova na Casa Artesanía de Galicia en Ribadavia, con motivo dos Días Europeos da Artesanía. Ademais, hoxe celébrase unha nova edición do evento Artesanía de Galicia en Merza na que participarán oito obradoiros especializados en xoguetes, xoiería, moda, instrumentos musicais, coitelos, encadernación e cerámica.
A Xunta visita Lugo, Santiago e Ribadavia para seguir destacando o valor dos oficios con motivo dos Días Europeos da Artesanía
O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, e a xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, visitaron a iniciativa ‘Oficios á luz do claustro’ impulsada pola Asociación Lucense de Artesáns co apoio da Xunta. Mentres, hoxe comezan en Santiago de Compostela as xornadas de portas abertas en catro obradoiros artesanais da rúa San Pedro e un taller de ourivería compostelá impartido por Susi Gesto no Museo do Pobo Galego. Na Casa Artesanía de Galicia, en Ribadavia, inícianse hoxe tamén as actividades de celebración dos Días Europeos da Artesanía cun obradoiro de sanandresiños impartido por Jorge Bellón.
A Xunta apoia iniciativas en Cuntis, Santiago, Ourense e Teo con motivo dos días europeos da artesanía
O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, visitou hoxe un taller de estampaxe téxtil na tenda Amodo de Ourense impartido por Xiana Cobo. Mentres, a xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, achegouse esta mañá a Cuntis para visitar as actividades de divulgación da cerámica impulsadas pola Fundación Terra Termarum Castrolandín. Xa pola tarde, estivo nas iniciativas organizadas por Creativas Galegas e pola Asociación Cultural de Artesanía de Teo Arteneo. Desde o 7 ao 12 de abril estanse a desenvolver 110 actividades de divulgación dos oficios artesanais nas catro provincias galegas, que contan co patrocinio da Xunta.
A Xunta celebra en Ribadeo os Días Europeos da Artesanía a través dunha xornada de divulgación de oficios artesanais no Forte de San Damián
O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, visitou esta mañá unha xornada de divulgación e posta en valor de oficios artesanais coma o coiro, a cerámica, o tecido, a madeira ou a creación de monicreques. Impulsada pola Asociación de Obradoiros Artesáns da Mariña de Lugo e polo Concello de Ribadeo, a actividade está apoiada pola Xunta de Galicia
A Xunta destaca en Ourense o papel da divulgación dos oficios para a posta en valor da artesanía
O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, visitou esta tarde o obradoiro taller Arte 3, especializado en restauración e dourado, que hoxe abría as súas portas con motivo dos Días Europeos da Artesanía. A iniciativa enmárcase na programación da Asociación de Artesáns de Ourense que inclúe outras doce actividades de iniciación nos ámbitos da bixutería, da cerámica, da olería, do coiro, da xoiería ou do vidro, que se desenvolverán ata o próximo domingo.