Novas
A Fundación Artesanía de Galicia e o torneiro tomiñés Aitor Martínez resultan gañadores nos Premios Nacionais de Artesanía 2025
O torneiro Aitor Martínez acadou o Premio Produto pola súa colección Mundos e a Fundación Artesanía de Galicia obtivo o Premio Promociona Entidades Públicas polo seu proxecto pioneiro en España Artesanía no Prato. O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, e a xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, recolleron esta mañá en Madrid o galardón nunha cerimonia á que tamén asistiu o director da Casa de Galicia, Luis E. Ramos. A artesá Sandra Vilas, do obradoiro Boina Galega (Santiago de Compostela) resultou finalista na categoría de Emprendemento pola súa empresa Claudinas, feltros esculpidos e artesanais, especializado no traballo de pezas en feltro.
A Xunta destaca en Ribadavia o dinamismo comercial xerado polo proxecto Vilas Vivas que vén de arrancar coincidindo co evento ‘Artesanía, Saber e Sabor’
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración visitou esta mañá varios dos novos locais acondicionados que veñen de abrir ao público esta ponte. José González comprobou hoxe o funcionamento dos primeiros locais xa abertos en Ribadavia coincidindo co evento ‘Artesanía, Saber e Sabor’ e destacou o interese que están a xerar entre o público e o tecido emprendedor. Tres destes locais xa están adxudicados a Pura Vila, Colmado de Sabores e A Tafona do Camiño, mentres que o resto acollen propostas e exhibicións artesanais ao abeiro do mercado e continuarán abertos ao público durante todo o Nadal. Subliñou que a acollida do proxecto, que contará con 15 locais abertos en 2026, confirma o potencial deste modelo pioneiro de revitalización comercial cuxo obxectivo é converter espazos en desuso en negocios abertos rendibles e xeradores de emprego. González valorou tamén as sinerxías entre Vilas Vivas, a programación de Nadal do concello e o tecido comercial local, que nesta edición conta por primeira vez cun espazo propio para os establecementos na Alameda. Precisamente na Alameda presentouse hoxe Ribeiro Secreto, iniciativa de posta en valor do xeodestino Ribeiro–Carballiño da que José González destacou as sinerxías con Vilas Vivas e o pulo aos produtos tractores de cada comarca.
A Xunta poñerá en marcha en 2026 a Casa de Artesanía de Ribadavia como espazo permanente para a comercialización do sector no marco de Vilas Vivas
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración visitou hoxe os obradoiros artesáns que participan estes días no evento ‘Artesanía, Saber e Sabor’. José González destacou que un dos locais acondicionados na rúa Banda A Lira será dedicado a un centro estable de promoción artesanal, reforzando o papel deste ámbito como motor económico e cultural. O proxecto Vilas Vivas abarcará un total de 15 establecementos, co obxectivo de recuperar locais en desuso e poñelos a disposición do tecido comercial e artesán, tanto en formatos efémeros como permanentes. Este local xa acolle propostas de artesáns no marco do mercado desta ponte, como as do oleiro Alberto Lista, Premio Artesanía de Galicia 2025, e do taller de coiro Mimacuir, ademais de cursos de formación de Félix de Martín e Julia de la Cal. A estes súmanse unha decena de obradoiros na Igrexa da Madalena, permitindo ao público coñecer directamente aos responsables dos produtos feitos a man e poñer en valor os oficios tradicionais. O conselleiro resaltou tamén o completo programa de actividades de ‘Artesanía, Saber e Sabor’, con obradoiros abertos ao público, como os previstos para hoxe con temáticas de Nadal, impartidos por Peixesapop e Nai Deseños.
A Xunta inaugura en Ribadavia o mercado ‘Artesanía, Saber e Sabor’ como punto de partida do proxecto de dinamización comercial Vilas Vivas
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración e a conselleira do Medio Rural participou esta tarde na apertura insitucional do evento na capital do Ribeiro. José González convidou a gozar da ampla programación prevista para estes días en Ribadavia arredor dos produtos artesáns e alimentarios de calidade e sinalou que este mercado suporá un punto de inflexión na recuperación do tecido comercial da vila. Coincidindo co evento, abren hoxe locais que estaban en desuso, dos 15 previstos para 2026, e que veñen de ser acondicionados para formar parte de Vilas Vivas, tres deles xa adxudicados e o resto acollendo diferentes actividades artesanais. María José Gómez salientou que este tipo de iniciativas serven para poñer en valor o bo facer dos produtores galegos e, neste sentido, nas vindeiras semanas celebraranse mercados de Artesanía Alimentaria nas cidades de Ferrol e Lugo. A conselleira reafirmou a aposta do Goberno galego pola promoción dos produtos de calidade diferenciada e, no vindeiro ano, destaranse 10 millóns de euros para seguir apoiándoos nesta materia, dous máis que neste ano. ‘Artesanía, Saber e Sabor’ desenvolverase entre hoxe e o 8 de decembro en horario de 11:00 a 14:00 h. e de 16:00 a 20:00 h., e contará con 14 obradoiros de Artesanía de Galicia, ademais de talleres abertos ao público e cursos de formación especializada.
A Xunta felicita os obradoiros gañadores e finalistas dos Premios de Artesanía de Galicia e os recoñecidos coas bolsas formativas Eloy Gesto
Recibiu o Premio Artesanía de Galicia unha peza colaborativa (xogo de té en funda de coiro Nemein) do obradoiro de cerámica Alberto Lista (Buño, Malpica de Bergantiños) e do taller de marroquinería Coiro Tres Pés (Campañó, Pontevedra). Mentres, os finalistas do galardón foron a estrutura Adega Modular, do obradoiro de marroquinería Jatafarta (Santiago); e o abrigo Preto, do taller téxtil Pal.lium (Cangas). O Premio Traxectoria recaeu no coruñés Antón Corral Martínez, especializado na construción de gaitas e mestre de varias xeracións de artesáns desde o seu obradoiro-escola de instrumentos musicais populares galegos en Tui, que el mesmo fundou. As tres bolsas Eloy Gesto concedéronse á cesteira Ana Belén Martínez, da redondelá Casa Atlântica; a Cristina Molares, da viguesa Vidrieras Artísticas Cosmo; e ao coruñés Pablo Sánchez, que fabrica guitarras e outros instrumentos de corda pulsada.