Novas
A Xunta salienta a traxectoria da Asociación de Artesáns de Ourense a prol da visibilidade e posta en valor dos oficios tradicionais
O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, acompañado pola xerente da Fundación Artesanía de Galicia, visitou esta semana a sede da Asociación de Artesáns de Ourense (ADAO) e reuniuse coa súa presidenta, Olga Santos, e con outros membros do equipo directivo da entidade.
A Xunta continúa coa súa aposta pola divulgación da olería tradicional de Niñodaguia
O director xeral de Comercio e Consumo e a xerente da Fundación Artesanía de Galicia reuníronse esta mañá co alcalde de Xunqueira de Espadanedo para darlle un novo pulo á colaboración da Xunta a prol da olería tradicional de Niñodaguia. Niñodaguia é un dos centros de olería tradicional de Galicia onde se celebra o Encontro de Cacharreiros impulsado pola Fundación Artesanía de Galicia desde 2014.
A Xunta achégalle aos escolares de Vigo os oficios tradicionais da elaboración de zocos e da construción de pandeiretas
Os artesáns Xosé Manuel Sanín e Elena Ferro, protagonistas das dúas primeiras unidades didácticas do programa ‘Artesanía na escola’, impulsado polo Goberno galego, realizaron demostracións dos seus oficios no centro CEIP Virxe do Rocío. Ademais, Xosé Manuel Sanín achegouse posteriormente ata o CEIP Seis de Nadal, participante no proxecto dende o curso pasado. ‘Artesanía na escola’ é un programa de divulgación impulsado dende 2023 co que se busca presentarlle aos máis pequenos os oficios artesanais, promover a remuda e poñer en valor o feito á man. A Fundación Artesanía de Galicia xa está a traballar na terceira das unidades didácticas, ‘Eu son artesán de figuras de pan’, que se centrará nos tradicionais sanandresiños de miga de pan a través do artesán Jorge Bellón.
A Xunta salienta o traballo do torneiro Aitor Martínez como referente da excelencia da artesanía galega contemporánea con raíces no territorio
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración visitou en Tomiño o obradoiro deste artesán galardoado co Premio Nacional de Artesanía 2025, onde louvou o traballo do artesán, que representa un novo perfil de creador que parte do oficio tradicional, neste caso a carpintería, e aposta por unha sólida formación especializada para innovar e explorar novas linguaxes escultóricas.
De cara a 2026, o Goberno galego destinará un orzamento de preto de 1M€ á dinamización e promoción da artesanía, ademais de dar pulo a proxectos de remuda xeracional como ‘Aprender da tradición’ coa novidade dunha bolsa de aprendices.
A Xunta impulsa a competitividade do sector comercial e artesán a través da nova orde de achegas de preto de 4 M€ que afonda na simplificación administrativa
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, visitou o establecemento Porta da Pía en Tui e o mercado municipal de Tomiño. Lembrou que a orde, que abre o próximo venres 16, conta con tres liñas de apoios compatibles entre si destinadas a promover a dixitalización, innovación e sustentabilidade do comercio retallista e dos obradoiros artesanais galegos
Indicou que estas axudas, das que o pasado ano se beneficiaron máis de 700 negocios, introduce melloras para axilizar os trámites e o procedemento de concesión e pagos anticipados, no marco do compromiso da Xunta como Administración facilitadora. Ademais, na xornada de hoxe o responsable autonómico visitou o Mercado Muncipal de Tomiño, que vén de renovar o selo de Mercado Excelente, acreditación que tamén ostentan as prazas de abastos de Pontedeume, Vilagarcía de Arousa e Carballo. A este respecto, puxo en valor que o Diario Oficial de Galicia publica este luns a orde que actualiza e simplifica a tramitación deste recoñecemento, redefinido en coordinación co sector, co obxectivo de acadar 25 espazos con este distintivo en 2030.