Novas

A Xunta pecha en Chantada a primeira edición do seu 'Laboratorio de fibras vexetais Fibranzas' centrado na profesionalización e na remuda xeracional da cestería

29/11/2025

A xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, pechou esta semana o último dos módulos deste curso, impulsado polo Goberno galego en colaboración co Espacio Vilaseco, Os Casares e a cesteira Idoia Cuesta. Miguel Leiro (Premio Nacional de Deseño 2025) foi o encargado de impartir a última parte da formación dedicada ao deseño de obxectos a partir das técnicas de traballo coas fibras adquiridas polo alumnado desde o mes de febreiro.

A Xunta iniciará en Ribadavia o proxecto de dinamización comercial Vilas Vivas coincidindo coa segunda edición do mercado 'Artesanía, Saber e Sabor'

26/11/2025

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración presentou hoxe o evento na capital do Ribeiro, que se celebrará do 5 ao 8 de decembro. Por segundo ano, a vila acollerá un mercado de Nadal que reunirá produtos artesáns e alimentarios de calidade e potenciará o comercio local, dinamizando baixos en desuso e favorecendo a actividade no seu casco histórico. Contará con 14 obradoiros de Artesanía de Galicia distribuídos entre a Igrexa da Madalena e a rúa Banda da Lira, así como con talleres gratuítos para todos os públicos, cursos de formación especializada en artesanía, entre outros. A Consellería do Medio Rural contará con espazos para a promoción dos produtos amparados por selos de calidade diferenciada coa participación de 32 produtores de Artesanía Alimentaria e catro adegas da Denominación de Orixe Ribeiro. O evento marca o punto de partida de Vilas Vivas, unha acción pioneira enmarcada no Plan estratéxico do comercio cuxo piloto será en Ribadavia e que posteriormente se ampliará a outras localidades senlleiras e con alta concentración de locais pechados. Así, coincidindo con este evento, abriranse nesta vila preto dunha decena de locais que acollerán actividade comercial, artesanal e cultural en formato efémero e irase ampliando de maneira gradual ata chegar aos 15 establecementos en 2026 .

Villaverde destaca a colaboración da Xunta e Algacari na posta en valor do patrimonio marítimo

22/11/2025

A través do convenio que Mar vén renovando coa asociación coruñesa desde o 2008. A conselleira participou nas XIII Xornadas de Construción Naval en Madeira, organizadas por esta agrupación.

A Xunta destaca o papel dos oficios artesanais na experimentación con novas narrativas e materiais na Maker Faire Galicia

21/11/2025

O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, participou na mesa inaugural da II Xornada de Oficios que se celebra hoxe en Santiago de Compostela, co obxectivo de promover a conexión das novas xeracións cos oficios artesanais. A Fundación Artesanía de Galicia colabora de novo con nesta iniciativa na que están previstos obradoiros de fotografía, de tecido e de forxa tradicional, así como un mercado no que participarán nove obradoiros inscritos en Artesanía de Galicia. Gabriel Alén será, ademais, o encargado de entregar o 2º premio dos proxectos máis votados polo público.

A Xunta presenta en Canarias os proxectos ‘Enredadas’ e ‘Artesanía no Prato’ como casos de éxito de colaboración intersectorial na artesanía

21/11/2025

A xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, participou esta mañá na I Convención de Artesanía de Canarias, que se está a celebrar en Tenerife coa participación de diferentes comunidades autónomas. Enredadas é un proxecto de diversificación do oficio tradicional das redeiras galegas, desenvolvido en colaboración coa Consellería do Mar dende o ano 2012 e galardoado co Premio Promociona Entidades Públicas nos Premios Nacionais de Artesanía 2016. Pola súa parte, Artesanía no Prato xorde en 2013 co obxectivo de incorporar a Artesanía de Galicia como soporte dos menús de recoñecidos cociñeiros e cociñeiras e é finalista na edición deste ano dos Premios Nacionais de Artesanía. Fabeiro participou tamén na mesa redonda sobre ‘Tradición e innovación na artesanía’ xunto con representantes das administracións públicas e do sector artesán de Cataluña, Castilla y León e Canarias.