Novas
A Xunta pecha en chantada un taller formativo dedicado aos oficios artesanais do vimbio e do liño
A xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, achegouse hoxe ata San Cristovo de Mouricios (Chantada) para pechar o taller ‘Circula o territorio a través das mans’ que impartiu durante toda esta semana a artista colombiana Rosana Escobar. Esta inciativa enmárcase nas xornadas ‘Entrelazar’, centradas no oficio da cestería e que se desenvolverán no Espazo Vilaseco dos Casares esta fin de semana.
A Xunta impulsa en Compostela a comercialización de Artesanía de Galicia e de Artesanía Alimentaria a través do mercado ‘Artesanamente’
A xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, achegouse ata a sede de Afundación, onde se celebra ata mañá este evento no que participan 25 obradoiros de Artesanía de Galicia e 23 empresas amparadas polo selo Artesanía Alimentaria. Pola tarde está previsto un faladoiro da artesá Lola García, do obradoiro Logaro, e unha demostración en vivo das redeiras de Corme. Ademais, o domingo haberá demostración de zocas a cargo de Álvaro Pin, que ofrecerá tamén un faladoiro xunto con Elena Ferro.
A Xunta enxalza o 25 Encontro Internacional de Torneiros da Madeira de Xermade polo seu papel na posta en valor e na recuperación deste oficio artesán
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración participou na inauguración da cita, que se desenvolverá na localidade lucense entre hoxe e o domingo. José González agradeceulle á Asociación de amigos da madeira a organización deste evento que o Goberno galego leva apoiando desde o seu inicio, así como ao Concello de Xermade, impulsor da recuperación da antiga reitoría nun centro de tornaría. Aproveitou para lembrar que está aberta ata o 26 de setembro a presentación de candidaturas aos Premios Artesanía de Galicia, con tres categorías: Premio Artesanía de Galicia, Premio Traxectoria e as Bolsas Eloy Gesto. Reafirmou o compromiso da Xunta co bo facer artesán, avogando non só polo apoio aos obradoiros existentes senón tamén pola formación para garantir a remuda xeracional, con novas medidas como as futuras bolsas para aprendices.
A Xunta apoia a 57 edición do Concurso de Gaitas de Ponteareas
A Fundación Artesanía de Galicia colabora como cada ano no Concurso Rexional de Gaitas do País a través dos instrumentos que se lle entregarán aos gañadores do certame e que están elaborados polos obradoiros artesanais Gaitas Gil e Sanín Percusión Tradicional.
A Xunta destaca o papel do mercado ‘Artesanamente’ na posta en valor dos oficios tradicionais e das marcas artesanía de Galicia e Artesanía Alimentaria
A Fundación Artesanía de Galicia e a Axencia Galega da Calidade Alimentaria colaboran na organización da primeira edición deste evento, que se celebrará os días 19, 20 e 21 de setembro en Santiago de Compostela, na sede de Afundación. O evento estrutúrase arredor dun espazo central que funcionará como mercado e no que participarán 25 obradoiros inscritos en Artesanía de Galicia e 23 empresas amparadas polo selo Artesanía Alimentaria. Ademais, contempla un completo programa de actividades que inclúe faladoiros de artesáns e demostracións en vivo da escola de cantería de Galicia, das redeiras de Corme e do zoqueiro Álvaro Pin.