Novas

A Xunta presenta en Lisboa Mostras de Cociña, unha exposición de cerámica e o destino Galicia no marco do evento profesional ‘Artesanía no prato’

15/09/2025

O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, e a xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, participan hoxe no evento ‘Artesanía no Prato. O sabor da Galicia em Lisboa’, que arrancou onte e se prolongará ata mañá. O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, presentará este martes o destino Galicia ante prescritores e profesionais do sector turístico de Lisboa. O evento inclúe showcookings de seis cociñeiros galegos e un portugués, unha cata de queixos galegos, a presentación do libro ‘Artesanía no prato’ e a exposición das ceramistas Ana Tenorio e Laura Delgado, galardoadas co Premio Artesanía de Galicia. ‘Artesanía no Prato’ é un proxecto pioneiro que incorpora pezas da marca Artesanía de Galicia como soporte da gastronomía para engadir singularidade e exclusividade ao tempo que mellora a experiencia sensorial do consumidor.

A Xunta destaca o obradoiro Artesanía Enxebre de Valdeorras como exemplo de emprendemento e garante da continuidade dos oficios tradicionais

13/09/2025

O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, xunto co director de Turismo, Xosé Merelles, e o delegado da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, visitou o obradoiro de Sarah-Jane Borcuk Cardoso e Lalo Gesteira Martíns, inscrito en Artesanía de Galicia. Gabriel Alén puxo en valor esta iniciativa, especializada en traballos en madeira e pirogravado, e destacou que o proxecto contou co asesoramento do Polo de emprendemento e apoio ao emprego do Barco. Subliñou tamén o apoio da Xunta en materia de modernización e dixitalización, no marco das liñas específicas deste ano para o sector comercial e artesán, reforzando así a súa competitividade e capacidade de adaptación ás demandas do mercado.

A Xunta leva a Lisboa o proxecto ‘Artesanía no Prato’ no que se xuntan gastronomía e artesanía de Galicia

11/09/2025

A Fundación Artesanía de Galicia organiza do 14 ao 16 de setembro o evento ‘Artesanía no Prato. O sabor da Galicia em Lisboa’ enfocado aos profesionais da gastronomía, da hostalería e do contract, así como a prescritores de medios especializados. Na programación inclúense showcookings de seis cociñeiros de galegos e un portugués, unha cata de queixos galegos e a exposición permanente das ceramistas Ana Tenorio e Laura Delgado, ambas galardoadas co Premio Artesanía de Galicia. Tamén se presentará o libro ‘Artesanía no Prato’, cuxa segunda edición (2025) amosa o traballo de 33 obradoiros de Artesanía de Galicia e de 15 restaurantes galegos, a través das fotografías de Stéphane Lutier e dos textos de Macarena Navarro-Reverter. ‘Artesanía no Prato’ é un proxecto pioneiro que incorpora pezas da marca Artesanía de Galicia como soporte da gastronomía para engadir singularidade e exclusividade ao tempo que mellora a experiencia sensorial do consumidor.

A Xunta impulsa o diálogo entre a moda e o labor das colareiras para poñer en valor o patrimonio cultural e creativo deste oficio artesanal

10/09/2025

Co apoio da Fundación Artesanía de Galicia, a marca de roupa Carmen 17 lanza hoxe unha colección cápsula en colaboración coa artesá Montse Betanzos (O Grove) na que se reivindica a importancia das colareiras da Toxa como creadoras.

A Xunta fomenta a divulgación da olería tradicional de Buño na I Cocedura Tradicional Aberta

07/09/2025

Esta fin de semana celébrase en Buño a cocedura tradicional de pezas de olería no Forno do Forte que, por primeira vez, está aberta a outros ceramistas e afeccionados. Onte tivo lugar a Festa da Carroa, coa que antigamente se celebraba o bo resultado do traballo realizado, e hoxe realízase a descarga do forno e a entrega das pezas. Dende o ano 2023 a Xunta está a impulsar a remuda xeracional neste oficio a través de cursos de especialización nas formas tradicionais de Buño, no marco do seu programa ‘Aprender da tradición. Oficios e técnicas’.