Novas
A Xunta apoia melloras en máis de 660 comercios locais e 64 obradoiros de Artesanía de Galicia en prol da súa innovación e actividade sustentable
O Diario Oficial de Galicia publicou esta semana a resolución da convocatoria de 2025 destas achegas concedidas por un valor de case 4M€. Esta medida enmárcase no Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030 e abarca tres liñas de axudas unificadas por primeira vez este ano nunha única convocatoria en prol da simplificación e axilización administrativa. As axudas están enfocadas á dixitalización do punto de venda, á mellora da imaxe e eficiencia enerxética do local e ao uso de embalaxes sustentables para apoiar ao sector na adaptación ás tendencias de consumo. Das entidades beneficiarias este ano, 286 son da provincia de Pontevedra, 266 da de Coruña, 111 da provincia de Lugo e 65 da de Ourense.
A Xunta leva os oficios artesanais ao courel ata o domingo con cursos e obradoiros abertos a todos os públicos
A xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, visitou hoxe a 5ª edición da iniciativa Artesanía de Galicia no Courel, que ata este domingo inclúe actividades de formación e de divulgación en oficios artesanais en varias localizacións do Concello. Hai nove obradoiros gratuítos e abertos ao público infantil e adulto especializados na cerámica, na estampaxe, no tecido tradicional e no tinguido téxtil. A iniciativa tamén inclúe seis cursos de formación, para os que era preciso inscrición previa, que lle permitirán aos asistentes iniciarse na cestería, na ebanistería, na calceta, na ourivería e no torno cerámico.
A Xunta resalta o valor da olería de Buño como exemplo de preservación artesanal e proxección de futuro
O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, e a xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, visitaron esta mañá a 40 edición da Mostra da Olería de Buño, que se celebra ata o domingo. O Executivo autonómico promove desde 2023 o relevo xeracional neste oficio a través do programa Aprender da Tradición. Oficios e técnicas, cunha oferta formativa especializada impartida polo artesán Antonio Pereira ´Rulo´.
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración participou hoxe na inauguración da 41 edición de Mostrart, que se celebra desde hoxe ata o 31 de agosto na Coruña
A Xunta salienta o papel da feira Mostrart no impulso do selo Artesanía de Galicia e da aposta pola atracción de talento novo ao sector. Nesta 41 edición, participan 62 obradoiros artesáns dos que 50 pertencen ao selo Artesanía de Galicia, 11 artesáns doutras autonomías e ademais desenvólvense obradoiros abertos ao público e demostracións en vivo a cargo de artesáns. José González subliñou o labor da Asociación Galega de Artesáns na organización de iniciativas coma esta e o seu esforzo a prol da artesanía de Galicia. O conselleiro expuxo que a aposta do Goberno galego pola artesanía de Galicia reflíctese no Plan estratéxico de comercio 2025-2030 con medidas como os apoios para impulsar a comercialización e a competitividade deste sector.
A Xunta impulsa en Tui o foro profesional de artesanía e instrumentos musicais ‘Resonancias’ no marco do Festival Música no Claustro
O mércores 6 de agosto celebrarase a quinta edición desta xornada dedicada aos oficios artesanais vinculados á construción de instrumentos musicais, para a que xa están abertas as inscricións na páxina web da Fundación Artesanía de Galicia. Entre os relatores atópanse os titulares de cinco obradoiro de Artesanía de Galicia - tres deles especializados na construción e reparación de instrumentos musicais, un torneiro e unha xoieira - ademais da Oficina Española de Patentes e marcas. A xerente da Fundación Artesanía de Galicia e o director da Axencia Galega da Industria Forestal participaron en Tui na presentación do programa da XIX edición deste festival que é xa unha cita consolidade e de referencia en Galicia.