Novas

A Xunta impulsa en Sanxenxo a comercialización de Artesanía de Galicia a través dunha tenda efémera en colaboración coa marca D-Due

02/07/2025

Durante os meses de xullo e agosto celebrarase a quinta edición da ‘Summer Shop D-Due & Artesanía de Galicia’, na que se poderán atopar pezas de 44 obradoiros artesanais galegos. A tenda está aberta na rúa Luis Vidal Rocha, 7 B-D, en horario de 10,30 a 21,30 h., de luns a sábados, e de 11,00 a 15,00 h. os domingos.

A Xunta promoverá o uso de pezas de Artesanía de Galicia na gastronomía e na restauración durante o corazón da Artesanía de Agolada

29/06/2025

A programación do XII Encontro da Artesanía Tradicional e Popular de Galicia, que se celebrará do 4 ao 6 de xullo nos Pendellos de Agolada, inclúe showcookings de recoñecidos chefs galegos nos que se empregarán pezas de Artesanía de Galicia. No marco do proxecto Artesanía no Prato está programada tamén unha demostración de coctelería a cargo de Willy Gómez na que se empregarán as pezas de Laura Delgado gañadoras do Premio Artesanía de Galicia 2022. Ademais desenvolverase un curso de Deseño de útiles para a mesa, impartido polo artesán Santiago Besteiro.

A Xunta destaca o Festival Espírito Ribeiro como mostra da colaboración entre administracións a prol da difusión da artesanía de Galicia

28/06/2025

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración visitou hoxe a V edición desta cita, que, como novidade este ano, cambia de formato rotando a actividade cada edición nun dos tres concellos organizadores, que son Castrelo de Miño, Cenlle e A Arnoia. O Goberno galego apoia a participación nesta cita de profesionais da marca Artesanía de Galicia e a organización de obradoiros gratuítos e para todos os públicos de técnica de gyotaku e de estampación pictórica con vexetais. González salientou o potencial da artesanía de Galicia como fonte de emprego e de emprendemento ligado ao territorio así como o compromiso do Goberno galego con este sector reflectido no Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030.

A Xunta destaca en Biscaia o vínculo entre artesanía e territorio con exemplos como o proxecto Enredadas

28/06/2025

A xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, participou esta mañá en Karrantza na Xornada Arte e Pastoreo, impulsada pola marca Mutur Beltz a través dunha charla sobre artesanía contemporánea e territorio. O evento enmárcase na IX Residencia Artística del Buen Vivir, un referente da arte localizada no medio rural e concibida como unha convivencia creativa baseada na sustentabilidade, na agroecoloxía e nos vínculos comunitarios.

A Xunta ampliará o vindeiro curso o programa 'Aprender da tradición' ante o éxito dunha iniciativa pioneira que favorece a remuda en oficios tradicionais

26/06/2025

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración visitou hoxe en Santiago ao alumnado do curso de xastrería impartido polos artesáns Fernando Freire e Ramón Lareo. José González clausurou o curso de xastrería, onde puxo en valor a relevancia desta experiencia de aprendizaxe integral, a primeira da súa clase en Galicia e única no ámbito institucional a nivel estatal, promovida pola Fundación Artesanía de Galicia. O conselleiro remarcou que o curso de xastrería, desenvolvido na academia de Ana Prados, forma parte do programa "Aprender da tradición. Oficios e técnicas", orientado á profesionalización e dinamización do sector artesán. Entre 2023 e 2025 desenvolvéronse case unha vintena de formacións en áreas coma a sombreirería e noutras como a xastrería, acibechería, ourivería, patronaxe, marroquinería ou olería. González lembrou a recente publicación no DOG da convocatoria dos Premios Artesanía de Galicia 2025, que recoñecen o talento, a formación e a traxectoria no sector e para os que o prazo de presentación de candidaturas abrirá o 15 de setembro.