Novas
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración participou hoxe na inauguración da 41 edición de Mostrart, que se celebra desde hoxe ata o 31 de agosto na Coruña
A Xunta salienta o papel da feira Mostrart no impulso do selo Artesanía de Galicia e da aposta pola atracción de talento novo ao sector. Nesta 41 edición, participan 62 obradoiros artesáns dos que 50 pertencen ao selo Artesanía de Galicia, 11 artesáns doutras autonomías e ademais desenvólvense obradoiros abertos ao público e demostracións en vivo a cargo de artesáns. José González subliñou o labor da Asociación Galega de Artesáns na organización de iniciativas coma esta e o seu esforzo a prol da artesanía de Galicia. O conselleiro expuxo que a aposta do Goberno galego pola artesanía de Galicia reflíctese no Plan estratéxico de comercio 2025-2030 con medidas como os apoios para impulsar a comercialización e a competitividade deste sector.
A Xunta impulsa en Tui o foro profesional de artesanía e instrumentos musicais ‘Resonancias’ no marco do Festival Música no Claustro
O mércores 6 de agosto celebrarase a quinta edición desta xornada dedicada aos oficios artesanais vinculados á construción de instrumentos musicais, para a que xa están abertas as inscricións na páxina web da Fundación Artesanía de Galicia. Entre os relatores atópanse os titulares de cinco obradoiro de Artesanía de Galicia - tres deles especializados na construción e reparación de instrumentos musicais, un torneiro e unha xoieira - ademais da Oficina Española de Patentes e marcas. A xerente da Fundación Artesanía de Galicia e o director da Axencia Galega da Industria Forestal participaron en Tui na presentación do programa da XIX edición deste festival que é xa unha cita consolidade e de referencia en Galicia.
A Xunta impulsa en Sanxenxo a comercialización de Artesanía de Galicia a través dunha tenda efémera en colaboración coa marca D-Due
Durante os meses de xullo e agosto celebrarase a quinta edición da Summer Shop D-Due & Artesanía de Galicia, na que se poderán atopar pezas de 44 obradoiros artesanais galegos. A tenda está aberta na Rúa Luis Vidal Rocha, 7 B-D, en horario de 10,30 a 21,30 horas, de luns a sábados, e de 11,00 a 15,00 horas, os domingos.
A Xunta define o campamento “Arte nas mans” como exemplo da aposta pola atracción de talento mozo e a remuda xeracional na artesanía de Galicia
O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, visitou ao alumnado do campamento "Arte nas mans: unha viaxe pola artesanía", unha proposta desenvolvida por primeira vez este ano e dirixida a persoas de entre 18 e 30 anos. Esta iniciativa permítelle ás 30 persoas participantes afondar en oficios artesanais relacionados coa elaboración de papel artesanal e marmolado, encadernación xaponesa, cianotipias, tapices, cestería, estampaxe sobre téxtil e torno cerámico. Gabriel Alén explicou que con este tipo de accións o Goberno galego busca ensinarlle á mocidade o valor da artesanía como emprendemento ligado ao territorio así como o valor do feito á man, a exclusividade e a sustentabilidade da actividade. Esta divulgación dos oficios artesanais forma parte da aposta do Goberno galego a prol deste sector reflectida no Plan Estratéxico de Comercio 2025-2030.
Belén do Campo anima os obradoiros artesáns, concellos e a asociacións profesionais a solicitar as axudas para o fomento da comercialización da artesanía de Galicia
A delegada da Xunta visitou as instalacións da entidade Artefíos que conta cun centro especial de emprego beneficiario o ano pasado destas achegas. Esta orde apoia a asistencia de artesáns do Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia a feiras de todo o mundo e financia a súa organización desde concellos ou asociacións de artesáns. O prazo de presentación de solicitudes permanecerá aberto ata o 17 de xullo de 2025.