Novas
A Xunta reforza o impulso á comercialización da marca Artesanía de Galicia a través dunha tenda efémera aberta en Sanxenxo durante o verán
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración visitou esta tarde a tenda 'pop up' froito da colaboración de Artesanía de Galicia coa marca galega de moda D-due. Trátase do cuarto ano consecutivo no que se leva a cabo esta iniciativa colaborativa, coa que se busca amosar unha escolma do talento artesán galego, do feito á man e da alta calidade da moda. En concreto, na Summer Shop Artesanía de Galicia & D-Due pódense atopar pezas de 28 obradoiros artesanais galegos especializados en olería, madeira, cerámica, coitelos, cestería tradicional ou téxtil, entre outros. A tenda permanecerá aberta ata final de agosto na rúa Luis Vidal Rocha nº 6, en horario de 10,30 a 14,30 h. e de 16,30 a 20,30 h.
A Xunta destaca o papel de Mostrart na comercialización e visibilización da marca Artesanía de Galicia
O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, xunto coa delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, e a xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, participaron hoxe na inaguración de Mostrart. Nesta 40 edición, que se celebra na Coruña ata o 25 de agosto, participan 54 obradoiros rexistrados en Artesanía de Galicia que amosarán o seu traballo en diferentes quendas e en horario de 11,00 a 14,00 e de 17,30 a 22,00 horas. Na programación de actividades vinculadas á feira inclúese “Oficios ao sol”, unha serie de obradoiros abertos para introducir os visitantes en oficios como a ourivería, o coiro, a elaboración de xoguetes, o pregado de papel, a bixutería ou a cerámica.
A Xunta destaca o papel do Encontro de Torneiros de Xermade na visibilización e na divulgación deste oficio artesanal
A xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, participou esta mañá na presentación do XXIV Encontro Internacional de Torneiros da Madeira, que se celebrará en Xermade (Lugo) os días 20, 21 e 22 de setembro, e no que a Xunta colabora desde a primeira edición. Na programación deste ano incluiranse demostracións de profesionais de recoñecido prestixio internacional como a británica Helen Bailey, a francesa Géronime, o torneiro Pedro Clavero (Andorra) e o galego Lolo Castro, gañador do Premio Traxectoria nos Premios Artesanía de Galicia 2018.
A Xunta promove a reinterpretación dos sombreiros tradicionais galegos no festival Asnot de Padrón
A xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, entregou hoxe o Premio Internacional de Sombreirería Chapeu Contest 2024, que recaeu na revisión dun sancosmeiro tradicional da sombreireira holandesa Amber van Thull. A reinterpretación do pucho tradicional galego presentada por Marta Estévez, acadou o recoñecemento na categoría Aprendiz. O Goberno galego patrocina por primeira vez este festival de divulgación da sombreirería co obxectivo de que se afiance como o evento de referencia para os profesionais da sombreirería e dos complementos de moda de Galicia.
Belén do Campo anima os artesáns da Coruña a solicitar as axudas para o fomento da comercialización da Artesanía de Galicia
A delegada da Xunta e a alcaldesa de Teo visitaron o taller de artesanía de Rosa María Méndez beneficiaria, o ano pasado, deste tipo de apoios. Talleres artesanais, Concellos e as asociacións profesionais e empresariais do sector poden beneficiarse desta orde de subvencións dotada cun orzamento de 265.000 euros. As achegas apoian a asistencia dos obradoiros a feiras de todo o mundo, ademais de financiar a organización destes eventos desde concellos ou asociacións de artesáns. A orde -que en 2023 acadou case 80 entidades beneficiarias- responde á importancia do sector en Galicia tanto no plano social e cultural como no económico.