Novas
A Xunta salienta o potencial e aposta pioneira da Artesanía de Galicia na inclusión laboral das persoas con diversidade funcional
José González expuxo que a comunidade galega é a única de España que conta con talleres de artesanía integrados por persoas con diversidade funcional, entre eles o da marca A Casa Rodante da asociación Apamp. O labor da Asociación de Familias de Persoas con Parálise Cerebral foi recoñecido no 2023 na Gala pola Inclusión Educativa, cita na que tamén foi galardoado o Goberno galego polo apoio a proxectos de inclusión no marco de Artesanía de Galicia. As persoas usuarias de Apamp producen nos talleres ocupacionais da entidade artigos certificados baixo a marca oficial Artesanía de Galicia, o que garante a calidade e a orixe da súa elaboración e traballan en áreas como a cerámica, o papel e o téxtil. O conselleiro sinalou que o Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030 inclúe medidas para promover a remuda xeracional e divulgar os oficios tradicionais co fin de seguir impulsando a artesanía como motor de emprendemento e inclusión laboral.
Riotorto acolle o 20 de abril a XVI Feira da artesanía do ferro coa colaboración da Xunta
O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, participou na presentación da cita, que conta cun amplo programa no que se inclúen demostracións en vivo e obradoiros relacionados con este oficio.
A Xunta conmemora en Vigo os Días Europeos da Artesanía 2025
A xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, visitou esta mañá en Vigo as actividades de divulgación dos oficios artesanais nos que colabora a Xunta para celebrar os Días Europeos da Artesanía. Fabeiro achegouse ata o local da marca A Casa Rodante, no Centro Comercial A Laxe, onde se desenvolveron ao longo de toda a semana diferentes obradoiros e demostracións de tecido, elaboración de papel, cestería e gravado, realizados polos usuarios dos talleres da Asociación de Familias de Persoas con Parálise Cerebral (Apamp), que forman parte da marca Artesanía de Galicia.
A Xunta apoia a divulgación da olería tradicional de Niñodaguia con motivo dos Días Europeos da Artesanía
O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, acompañado pola xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, achegouse esta mañá ata a localidade de Niñodaguia, onde se está a desenvolver a V Fornada Tradicional de Niñodaguia nos antigos fornos de pedra, unha actividade apoiada pola Xunta con motivo da celebración dos Días Europeos da Artesanía.
A Xunta celebra na Coruña os Días Europeos da Artesanía a través da iniciativa 'Oficios en acción'
A xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, visitou esta tarde na Coruña a iniciativa Oficios en acción impulsada pola Asociación Galega de Artesáns co apoio da Xunta, para conmemorar os Días Europeos da Artesanía 2025. Ao longo de toda a xornada estanse a desenvolver obradoiros de iniciación en diferentes técnicas no Centro Ágora da Coruña co obxectivo de achegar á sociedade os oficios artesanais e contribuír á posta en valor do traballo dos artesáns e artesás e do produto feito á man.