Novas
A Xunta pon en valor o talento de Julia de la Cal, Premio Artesanía de Galicia 2024, como exemplo de innovación e referente da cestería contemporánea
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, visitou hoxe no Porriño o obradoiro artesán La Parabólica, un dos máis de 250 situados en Pontevedra. José González destaca a aposta da creadora por unha artesanía competitiva no mercado actual, que mantén moi presentes as súas raíces e fusiona o legado do feito á man cunha visión moderna e multidisciplinar. A súa obra ‘PERIFERIA#01’, pola que foi recoñecida na última edición dos galardóns Artesanía de Galicia, supón unha redefinición da cesta tradicional, experimentando co uso de elementos e materiais máis industriais coma o cemento. Julia de la Cal tamén foi beneficiaria en 2021 dunha das bolsas Eloi Gesto outorgadas pola Fundación Artesanía de Galicia, o que lle permitiu completar a súa formación en Francia e afondar na aplicación do seu oficio a ámbitos coma o paisaxismo. O Goberno galego mantén un firme compromiso con este sector fundamental, que terá un oco prioritario no Plan Estratéxico de Comercio 2025-2030 reforzando, entre outras medidas, a continuidade do programa pioneiro ‘Aprender da tradición’.
A Xunta impulsa en Madrid a comercialización de Artesanía de Galicia a través dunha tenda efémera da marca de moda D-Due
Ata o día 7 de marzo D-Due presenta en Madrid a súa nova colección de moda ‘Mimosa Collection’ na que se poderán atopar pezas de oito obradoiros da marca Artesanía de Galicia, especializados na olería tradicional, na cerámica e na madeira.
A Xunta impulsa en Chantada un curso enfocado na transmisión do labor artesanal coas fibras vexetais
O director xeral de Comercio e Consumo e a xerente da Fundación Artesanía de Galicia asistiron en San Cristovo de Mouricios ao inicio desta formación, na que colaboran Espacio Vilaseco, Os Casares e a cesteira Idoia Cuesta. O curso consiste en catro módulos nos que se aprenderá o proceso completo desde a obtención das fibras vexetais cesteables e as técnicas da cestería tradicional con diferentes materiais, ata o deseño de produto e a produción artística. Entre os docentes atópanse cesteiros galegos como Idoia Cuesta, Álvaro M. Leiro ou Enrique Táboas, os daneses Jette Mellgren e Jan Johansen, o catalán Pau Trepat, a artista Sonia Navarro ou o deseñador Miguel Leiro. Esta iniciativa enmárcase no proxecto pioneiro do Goberno galego Aprender da tradición. Oficios e técnicas, para contribuír á profesionalización do sector artesán e a atraer novos talentos que garantan a remuda xeracional.
A Xunta destaca en Ourense o traballo de tornería de madeira de Aitor Martínez como exemplo do talento e o dinamismo da artesanía de Galicia
O director xeral de Comercio e Consumo participou hoxe na inauguración dunha exposición deste artesán, gañador do Premio Joven Promesa 2024 no Círculo Fortuny e finalista de Artesanía de Galicia e Produto nos Premios Nacionais de Artesanía 2024. A mostra poderá visitarse ata o 26 de febreiro no espazo de AO Domini, tenda adherida a Artesanía de Galicia e recoñecida co Premio Comercio Emprende 2024.
A Xunta lanza a convocatoria unificada de apoios á dixitalización, modernización e sustentabilidade do tecido comercial e artesanal cun orzamento de case 4 M€
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a orde orientada a favorecer actuacións que contribúan á implantación dun comercio máis innovador e sustentable, procurando unha maior axilización nas tramitacións co gallo de maximizar o impacto no sector. A convocatoria contempla tres liñas de axudas -compatibles entre si-, orientadas á dixitalización do punto de venda, á mellora da imaxe e eficiencia enerxética do local e, como novidade, ao uso de embalaxes sustentables. Incrementando a intensidade das axudas ata o 80%, cobre actuacións como a implantación e mantemento web, márketing dixital, loxística, reformas do espazo comercial, sistemas de eficiencia enerxética ou compra de materiais reciclables.