Novas
A Xunta convoca os Premios Artesanía de Galicia 2024 nos que incrementa a súa aposta pola formación dos novos talentos
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe as bases da convocatoria das tres categorías que conforman estes galardóns e que son o Premio Artesanía de Galicia para unha obra ou colección, Premio Traxectoria para un artesán de sólida traxectoria no sector e as tres Bolsas Eloy Gesto destinadas á formación de novos talentos. Na edición deste ano increméntase a dotación orzamentaria ata os 21.000 euros e o número de Bolsas Eloy Gesto, co obxectivo de apoiar a formación especializada dos novos talentos do sector. As candidaturas poderanse presentar entre o 16 e o 27 de setembro de 2024 de xeito exclusivamente telemático para as categorías Traxectoria e Bolsa Eloy Gesto e presencialmente no caso do Premio Artesanía de Galicia.
José González salienta no Festival Espírito Ribeiro o impulso da Xunta á divulgación da artesanía galega
A Xunta patrocina a organización da cuarta edición desta iniciativa, que arrancou na tarde de onte en Arnoia e mañá remata en Cenlle
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración participou hoxe en Castrelo de Miño na segunda xornada do evento de enxalzamento do viño e do territorio. Nove profesionais de Artesanía de Galicia participan nunha cita que, ademais, acolle obradoiros abertos a todos os públicos sobre serigrafía, cianotipia e gyotaku. O conselleiro remarcou o carácter vertebrador da artesanía galega e puxo en valor os apoios autonómicos para o fomento da súa comercialización, que incrementan este ano as axudas aos obradoiros artesáns e poden solicitarse ata o vindeiro 29 de xullo.
A Xunta convoca as axudas para que os obradoiros artesáns abran novos mercados e aumenten vendas en feiras de ámbito nacional e internacional
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración para o fomento da comercialización da artesanía, cun orzamento de 265.000 euros. As achegas -que se poden solicitar desde mañá ata o 29 de xullo- apoian a asistencia dos obradoiros a feiras de todo o mundo, ademais de financiar a organización destes eventos desde concellos ou asociacións de artesáns. A orde -que en 2023 acadou case 80 entidades beneficiarias- responde á importancia do sector en Galicia tanto no plano social e cultural como no económico.
O Corazón da Artesanía de Agolada promoverá nesta edición a incorporación da Artesanía de Galicia no ámbito da gastronomía
A programación do proxecto Artesanía no Prato inclúe showcookings de recoñecidos chefs galegos do Grupo Nove nos que se empregarán pezas de 10 obradoiros de Artesanía de Galicia. Nos Pendellos de Agolada haberá tamén espazo para unha cata de queixos con DOP e outra de augardentes e licores tradicionais, ademais dun obradoiro especializado na decoración de mesas. A XI edición do Corazón da Artesanía celebrarase nos Pendellos de Agolada do 5 ao 7 de xullo e contará coa participación de 53 artesáns e 32 marcas de produtos gourmet.
Xabier Díaz e De Vacas encabezan a programación musical do Corazón da Artesanía de Agolada
O XI Encontro da Artesanía Tradicional e Popular de Galicia que se celebra nos Pendellos de Agolada do 5 ao 7 de xullo contará tamén coas actuacións de Comando Curuxás, O Sonoro Maxín, Bico da Balouta e Xirandaina. A Xunta organiza este evento integral de divulgación, comercialización e posta en valor da Artesanía de Galicia que contará coa participación de 53 artesáns e 32 expositores de produtos de alimentación. A Xunta foi recoñecida co Premio Nacional de Artesanía 2023 na categoría Promociona para Entidades Públicas pola iniciativa do Corazón a Artesanía.