Novas
A Xunta presenta en Cádiz a súa estratexia de impulso á Artesanía de Galicia no marco do Festival Sures
A xerente da Fundación Artesanía de Galicia participou esta mañá na mesa redonda ‘O público como motor creativo’, na que se abordou o papel das institucións públicas na dinamización cultural, económica e de proxección exterior dos territorios. Pola tarde, Elena Fabeiro ten previsto participar nun encontro sobre novas alianzas arredor do deseño e da artesanía, xunto con representantes de marcas como Loewe. Artesanía de Galicia estará presente na segunda edición deste evento tamén a través dun taller impartido pola artesá Belén Leiro, gañadora dunha das Bolsas Eloy Gesto 2025, e da exposición dunha peza da cesteira Alba F. Castro. O II Festival de novas creacións do sur reivindica o sur xeográfico de Europa e de Andalucía como espazo de creación, onde a arte, a artesanía, a música e a vocación se reinventan en clave contemporánea.
A Xunta colabora coa Fundación RIA nunha xornada sobre o futuro do deseño galego cun dos focos na artesanía
A xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, asistiu ao seminario 14x14 que reúne hoxe en Santiago 14 profesionais de referencia procedentes de distintos ámbitos do deseño para reflexionar sobre o futuro do sector. O encontro abordará o papel do deseño como ferramenta de transformación cultural, económica e territorial de Galicia. O evento enmárcase na exposición ‘Deseño para vivir. Material, proceso e obxectos cotiáns’ dedicada ao traballo de deseño de David Chipperfield.
A Xunta impulsa a comercialización do produto artesán galego nunha nova edición do evento ‘Artesanía de Galicia en Merza’
A xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, visitou hoxe esta feira promovida en colaboración co taller Eferro dentro do programa de feiras de carácter mensual que se desenvolven desde abril no espazo eferroGhalpón. Nesta edición do mes de xuño participan dez obradoiros artesanais especializados nos ámbitos da xoiería, da cerámica, da bixutería, dos sombreiros, da estampaxe, do bordado ao aire, do téxtil e dos complementos de moda. O programa de actividades complétase cun obradoiro de pintura sobre madeira impartido por Como Pez en el agua e coa actuación musical de Faíscas da Pontraga.
A Xunta reforza a comercialización da artesanía de Galicia cunha nova orde de axudas para a súa promoción en feiras e eventos
O Diario Oficial de Galicia vén de publicar a convocatoria 2026 desta liña de apoios destinada a impulsar a presenza da artesanía galega en feiras e espazos expositivos de carácter nacional e internacional
Os obradoiros inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia contan con achegas para participar en feiras profesionais e de venda directa, co obxectivo de favorecer a difusión e comercialización dos seus produtos. Pola súa banda, concellos e asociacións do sector artesán poden optar a apoios para a organización de feiras en Galicia que contribúan a poñer en valor os distintos oficios tradicionais e dinamizar a actividade comercial. A convocatoria, dotada cun orzamento de 265.000 euros, abre o prazo de solicitudes hoxe e ata o 13 de xullo de 2026, incluíndo distintas liñas adaptadas aos diferentes tipos de beneficiarios.
A Xunta salienta na inauguración do ‘Paseo da La’ a importancia das fibras naturais autóctonas
O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, e a xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, participaron esta tarde no arranque dunha nova edición deste evento, que se celebra ata o domingo na aldea de Couso, en Sarreaus. Reunirá produtores de la e profesionais do tinguido, do fiado e do tecido artesanal, constituíndo un escaparate vivo para a posta en valor da la con denominación de orixe, da artesanía consciente e do desenvolvemento rural. Na programación inclúense tamén exposicións, obradoiros abertos, desfiles e faladoiros, entre os que destaca o dedicado á raza Ovella galega.