Novas
A Xunta impulsa en Chantada o uso da paisaxe e dos materiais locais para elaborar tintes naturais
A xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, visitou esta tarde as persoas participantes no curso ‘Crear cor colleitando a paisaxe’, impartido pola artesá e historiadora Lala de Dios e pola artista téxtil colombiana Rosa Escobar. Nesta actividade que remata o próximo domingo 14 de xuño, búscase a conexión co territorio a través das plantas, aplicándoas á artesanía nun contexto contemporáneo.
A Xunta pon en marcha un programa de formación e mentoría para reforzar a profesionalización das mulleres artesás do medio rural
O director xeral de Comercio e Consumo participou hoxe na presentación da nova iniciativa autonómica Artesás, que busca impulsar o papel feminino no sector, ofrecer unha visión empresarial da artesanía e crear comunidade. O proxecto estrutúrase en dúas fases, unha primeira etapa de formación práctica que se desenvolverá durante o mes de xuño e outra de asesoramento individualizado na que participarán 12 proxectos seleccionados. Gabriel Alén destacou o valor deste programa como unha ferramenta clave para acompañar talleres e obradoiros xa existentes e impulsar o seu crecemento con maior solidez e capacidade de proxección.
A Xunta lanza os apoios do programa de primeira experiencia profesional cunha nova liña para a formación de aprendices en oficios artesanais
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria de axudas de 2026 do programa de primeira experiencia profesional, dotadas cun importe global de máis de 8,7 M€. Coas novas axudas á artesanía prevese chegar a uns 50 aprendices de oficios, dentro das máis de 520 persoas desempregadas que se estima beneficiar. O prazo de presentación de solicitudes abrirá o vindeiro 16 de xuño e prolongarase ata o 30 de setembro de 2026 ou ata que se esgote o crédito.
A Xunta leva ata o Concello de Valdoviño o seu proxecto de divulgación dos oficios artesanais 'Artesanía na Escola'
O artesán Jorge Bellón, protagonista da unidade didáctica ‘Eu son artesán de figuras de pan’, achegouse hoxe ata o CPI Atios para facer unha demostración da elaboración de sanandresiños, os amuletos típicos de Santo André de Teixido. A Fundación Artesanía de Galicia impulsa esta iniciativa de divulgación entre os máis pequenos no que se presentan os oficios artesanais como unha profesión de futuro, concienciando sobre o valor do produto artesanal e da marca Artesanía de Galicia.
A Xunta reafirma en Chantada o seu impulso á experimentación con fibras vexetais
A xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, visitou hoxe as persoas participantes no curso de cestería experimental que imparten os cesteiros daneses Jette Mellgren e Jan Johansen, especializados en aplicar a cestería ao paisaxismo. No espazo dos Casares estase a desenvolver tamén o curso de encordado de cadeiras con enea e outras fibras vexetais, impartido por Tomeu Perelló, dentro do programa de perfeccionamento de ‘Fibranzas’, tamén impulsado pola Xunta.