Novas
A Xunta salienta na inauguración do ‘Paseo da La’ a importancia das fibras naturais autóctonas
O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, e a xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, participaron esta tarde no arranque dunha nova edición deste evento, que se celebra ata o domingo na aldea de Couso, en Sarreaus. Reunirá produtores de la e profesionais do tinguido, do fiado e do tecido artesanal, constituíndo un escaparate vivo para a posta en valor da la con denominación de orixe, da artesanía consciente e do desenvolvemento rural. Na programación inclúense tamén exposicións, obradoiros abertos, desfiles e faladoiros, entre os que destaca o dedicado á raza Ovella galega.
A Xunta impulsa en Chantada o uso da paisaxe e dos materiais locais para elaborar tintes naturais
A xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, visitou esta tarde as persoas participantes no curso ‘Crear cor colleitando a paisaxe’, impartido pola artesá e historiadora Lala de Dios e pola artista téxtil colombiana Rosa Escobar. Nesta actividade que remata o próximo domingo 14 de xuño, búscase a conexión co territorio a través das plantas, aplicándoas á artesanía nun contexto contemporáneo.
A Xunta pon en marcha un programa de formación e mentoría para reforzar a profesionalización das mulleres artesás do medio rural
O director xeral de Comercio e Consumo participou hoxe na presentación da nova iniciativa autonómica Artesás, que busca impulsar o papel feminino no sector, ofrecer unha visión empresarial da artesanía e crear comunidade. O proxecto estrutúrase en dúas fases, unha primeira etapa de formación práctica que se desenvolverá durante o mes de xuño e outra de asesoramento individualizado na que participarán 12 proxectos seleccionados. Gabriel Alén destacou o valor deste programa como unha ferramenta clave para acompañar talleres e obradoiros xa existentes e impulsar o seu crecemento con maior solidez e capacidade de proxección.
A Xunta lanza os apoios do programa de primeira experiencia profesional cunha nova liña para a formación de aprendices en oficios artesanais
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria de axudas de 2026 do programa de primeira experiencia profesional, dotadas cun importe global de máis de 8,7 M€. Coas novas axudas á artesanía prevese chegar a uns 50 aprendices de oficios, dentro das máis de 520 persoas desempregadas que se estima beneficiar. O prazo de presentación de solicitudes abrirá o vindeiro 16 de xuño e prolongarase ata o 30 de setembro de 2026 ou ata que se esgote o crédito.
A Xunta leva ata o Concello de Valdoviño o seu proxecto de divulgación dos oficios artesanais 'Artesanía na Escola'
O artesán Jorge Bellón, protagonista da unidade didáctica ‘Eu son artesán de figuras de pan’, achegouse hoxe ata o CPI Atios para facer unha demostración da elaboración de sanandresiños, os amuletos típicos de Santo André de Teixido. A Fundación Artesanía de Galicia impulsa esta iniciativa de divulgación entre os máis pequenos no que se presentan os oficios artesanais como unha profesión de futuro, concienciando sobre o valor do produto artesanal e da marca Artesanía de Galicia.