Novas
Obradoiros de Cambre, Monterroso, Lugo e Santiago optan ao Premio Artesanía de Galicia
O xurado dos premios Artesanía de Galicia nomea como finalistas nesta categoría a Laura Delgado Cerámica, Santiago Besteiro Design, Traxandaina e Jatafarta. Os gañadores dos tres apartados que conforman os galardóns, Premio Artesanía de Galicia, Premio Traxectoria e Bolsa Eloy Gesto, coñeceranse a finais de ano. Con este certame a Xunta busca estimular o traballo de creación dos artesáns galegos, recoñecer a mellora continua no labor dos profesionais do sector e contribuír ao seu desenvolvemento económico e promocional.
Unha trintena de obradoiros de Artesanía de Galicia participan en Santiago na feira creativa do Mercado da Estrela
O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, e a xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, visitaron a novena edición deste evento que se celebra ata o domingo 20 de decembro coa colaboración da Xunta. A mostra creativa está conformada por obradoiros especializados no téxtil, na xoiería, na olería, na pedra, na cerámica, na bixutería, na elaboración de complementos de moda, no coiro, no cartón pedra, na elaboración de xoguetes e no traballo das colareiras.
A Xunta impulsa a comercialización da Artesanía de Galicia a través dun catálogo de Nadal
A Fundación Artesanía de Galicia recolle nunha publicación online as propostas de 110 obradoiros da marca para fomentar as compras durante estas datas. Co lema “Artesanía de Galicia. Talento para regalar”, anímase a confiar nos oficios artesanais, no talento local e na calidade do sector.
A Xunta amosa a obra do artesán Frank Buschmann a través dunha exposición en Pontevedra
A mostra individual “Feito de estrelas” poderase visitar ata o 22 de decembro e está dedicada ao ebanista artesán gañador do Premio Artesanía de Galicia 2019 e do Antonio Fraguas 2020, na categoría de Artesanía Tradicional. A iniciativa forma parte da colaboración entre a Fundación Artesanía de Galicia e a Fundación RAC nun proxecto de divulgación que permite asomarse ás propostas máis contemporáneas da artesanía galega.
A Xunta impulsa a formación das redeiras galegas no marco do proxecto Enredadas
A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro e a xerente da Fundación Artesanía de Galicia visitaron o curso “Deseño e aplicación das técnicas das redeiras ao sector da moda e complementos” que remata esta fin de semana en Buño. O 21 de novembro comeza o “Curso de iniciación para a aplicación das técnicas das redeiras ao sector da decoración” que impartirá a deseñadora Raquel Sousa tamén en Buño e para o que as inscricións están xa abertas. Estas actividades forman parte do proxecto Enredadas, no que colaboran dende o ano 2012 a Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación e mais a Consellería do Mar, co obxectivo de diversificar o oficio tradicional das redeiras en Galicia.