Novas
A Xunta resalta o papel da olería tradicional no X Encontro de Cacharreiros de Niñodaguia
A xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, participou esta mañá na inauguración do X Encontro de Cacharreiros, que se celebra no Museo da Olería de Niñodaguia ata o domingo 18. A programación inclúe demostracións, obradoiros con venda directa e visitas guiadas ao museo ás 13,00 e ás 18,00 h.
A Xunta impulsa os oficios artesanais tradicionais na Festa da malla de Lobios
O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, e a xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, achegáronse hoxe ata a VIII Festa da malla e da feira de artesanía e produtos locais organizada pola Asociación de veciños de Puxedo. A Fundación Artesanía de Galicia colabora con dous obradoiros gratuítos especializados na elaboración de papel e na estampaxe impartidos por Peixesapop. No programa de actividades inclúense exposición e venda de produtos de artesanía, obradoiros de elaboración do pan, xogos tradicionais e actuacións musicais.
A Xunta publica o programa de comercio circular con 1,2 M€ para potenciar a transformación sostible do sector e impulsar as pemes e autónomos do téxtil
O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, e a xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, visitaron en Cambre o obradoiro artesán Belategui Regueiro para difundir esta convocatoria que sae hoxe no DOG. A orde inclúe como novidades deste ano os programas Avanza Téxtil e Re-circular, para impulsar os pequenos produtores con marca propia e fomentar o uso de materias primas e tecidos sustentables na súa produción. O obxectivo é fomentar o comercio circular, potenciando o uso eficiente das embalaxes, promovendo o emprego de materiais reciclados e reutilizables ou diminuíndo os residuos xerados, ademais de favorecer a concienciación do sector. O prazo de solicitude de axuda será dun mes, a contar desde mañá.
A Xunta anima a achegarse ao Courel ata o domingo para coñecer os nosos oficios artesanais
O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, e a xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, participan hoxe na primeira das xornadas da cuarta edición de Artesanía de Galicia no municipio. No programa de actividades inclúense 9 obradoiros gratuítos para iniciar os visitantes en oficios como a estampaxe, o tecido tradicional, a olería, o coiro e a decoración de louza, ademais de sete cursos de iniciación que contan con todas as prazas cubertas.
A Xunta impulsa en Tui un espazo de divulgación e promoción da construción artesanal de instrumentos musicais
A xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, participou esta mañá no Foro Profesional de Instrumentos Musicais Resonancias, promovido pola Xunta e que se celebra hoxe no marco do XVIII festival Música no Claustro. As principais novidades desta cuarta edición son unha mesa redonda denominada Encontro de encontros, na que se coñecerán diferentes eventos vinculados aos instrumentos musicais de interese, e un showroom de instrumentos musicais.