Novas
A Xunta pon de relevo o evento efémero de interiorismo ‘Creafogar’ para difundir o potencial da artesanía galega en todo tipo de proxectos
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración visitou en Santiago de Compostela a primeira edición desta iniciativa que pon hoxe fin aos seus 20 días de duración. José González destacou a aposta pola suma de sinerxías entre as empresas participantes, vinculadas a produtos e servizos do fogar e ao sector da construción e entre as que tiveron un papel destacado 55 obradoiros de Artesanía de Galicia. Valorou este proxecto de interiorismo puramente galego, que acolleu presentacións tanto de técnicos de emprego da Consellería sobre as posibilidades para casar oferta e demanda no sector como de persoas artesás para difundir os seus distintos oficios.
A Xunta presenta en Alacante o seu proxecto ‘Enredadas’ de fomento da diversificación do oficio tradicional das redeiras galegas
A Fundación Artesanía de Galicia colaborou en La Vila Vella 2024, un grande evento arredor do patrimonio etnográfico marítimo que se celebrou onte en Villa Joyosa. A redeira Rosa Rodríguez, de Artesanía de Galicia, ofreceu unha demostración do oficio tradicional, ademais da venda dos produtos elaborados a partir da reciclaxe das redes de pesca, no marco da iniciativa Enredadas, impulsada pola Xunta. Enredadas é un proxecto de boas prácticas iniciado en 2012 co gallo de abrir novas oportunidades de negocio nos ámbitos da moda, dos complementos ou da decoración, a través de cursos de formación e da aplicación do deseño contemporáneo ao oficio.
Comezan os cursos de artesanía cos que a Xunta fomenta a remuda xeracional neste sector
A Fundación Artesanía de Galicia arrancou esta edición coas formacións de sombreirería e de xastrería na Academia Ana Prados en Santiago de Compostela. En total, este ano o programa contará con seis cursos incluindo tamén os oficios de forxa, da ourivería e da olería tradicional de Buño. Esta iniciativa enmárcase no programa Aprender da tradición. Oficios e técnicas, iniciado hai un ano e destinado á mellora continua dos profesionais da artesanía e á captación de novos talentos para o sector.
A Xunta reafirma o seu apoio á Feira de Artesanía de Cortegada que chegará en 2025 á súa 15ª edición
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado polo director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, mantivo hoxe un encontro en Ourense co alcalde de Cortegada, Avelino de Francisco. Na xuntanza, os representantes autonómicos reafirmaron o apoio da Xunta á Feira de Artesanía de Cortegada, que celebrará o ano vindeiro a súa edición número 15.
A Xunta pon de relevo a aposta das novas xeracións da artesanía galega pola adaptación ás novas tendencias para abrir novos nichos de mercado
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración visitou hoxe en Nogueira de Ramuín as instalacións de Barreiros Artesanía, inscrito no Rexistro de Artesanía de Galicia. José González puxo o obradoiro situado na Ribeira Sacra como exemplo de innovación e de remuda xeracional no marco deste sector tan importante para a nosa terra, ao ter avogado o fillo do matrimonio fundador por un novo concepto empresarial. Así, destacou que o que hai case medio século se creou como taller de decoración de porcelana hoxe sexa un obradoiro de cerámica que aglutina o proceso completo de elaboración das pezas, combinando a tradición cun deseño actual e moderno .