Novas
A Xunta destaca o papel da Mostra do Encaixe como exemplo de actualización dos oficios artesanais tradicionais
O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, participou hoxe na inauguración da edición número 33 deste evento que se celebra en Camariñas ata o día 31 de marzo e que constitúe un escaparate do encaixe e da súa vinculación con outros ámbitos entre os que destaca o da moda. A Xunta colabora con este encontro que Heredia definiu como motor de dinamización económica e turística e catalizador de remuda xeracional nun oficio tradicional. No desfile ArteEncaixe participan obradoiros inscritos na marca Artesanía de Galicia como Estilo Aramar, Logaro, Mar Barral, Suso Calo, Ondas do Mar, Alfarería Rulo e Feituras que achegarán os seus oficios ao encaixe.
A Xunta presenta en Granada a marca Artesania de Galicia como exemplo de posicionamento no mercado
A xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, participou esta mañá no Workshop “Artesanía alpujarreña y moda sostenible. Resignificar la artesanía”, que impulsa o Centro de Referencia Nacional de Artesanía dentro do seu programa Artesanía de Vanguardia Alpujarra. Na programación do evento inclúense as charlas dos artesáns galegos Santiago Besteiro (Monterroso), especializado en coiro e gañador do Premio Emprendemento nos Premios Nacionais de Artesanía 2022, e Aitor. (Tomiño), especializado na tornería de madeira.
A Xunta destaca a importancia dos oficios e das técnicas tradicionais para a creación de pezas artesanais de alta calidade
O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, e a xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, visitaron esta mañá en Santiago de Compostela o curso Marroquinería fina que imparte o artesá Ezequiel Franchi ata o 23 de marzo. Esta iniciativa enmárcase no programa Aprender da tradición. Oficios e técnicas, iniciado o ano pasado e destinado á mellora continua dos profesionais da artesanía e á captación de novos talentos para o sector de xeito que se contribúa á remuda xeracional nestes oficios tradicionais. Nesta primeira parte do ano estanse a desenvolver cursos especializados na tapicería, no tecido, na ourivería compostelá, na patronaxe, na tornería de madeira, na olería tradicional de Buño e na xastrería.
Os futuros nomes do deseño da moda galega demostran o seu talento nunha nova edición do desfile ‘Despunte’
A Escola da Arte e Superior de Deseño Mestre Mateo de Santiago organiza esta iniciativa na que se entregan máis de 7.000€ en premios. A cita celebrada na Cidade da Cultura conta cun importante apoio da Xunta de Galicia e o tecido empresarial galego.
A Xunta impulsa a remuda xeracional na ourivería e na acibechería compostelá
A xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, visitou esta tarde en Santiago de Compostela o curso ‘Técnicas de ourivería e acibechería’ que imparte o ourive Ricardo Rivas ata o 5 de abril. Esta iniciativa enmárcase no programa ‘Aprender da tradición. Oficios e técnicas’, iniciado o ano pasado e destinado á mellora continua dos profesionais da artesanía e á captación de novos talentos para o sector. Nesta primeira parte do ano estanse a desenvolver cursos especializados na tapicería, no tecido, na marroquinería, na patronaxe, na tornería de madeira, na olería tradicional de Buño e na xastrería.