Novas
A Xunta impulsa a visibilización e a comercialización da artesanía de Galicia no Nadal compostelán
Artesanía de Galicia protagonizará de novo un dos espazos da feira creativa do Mercado da Estrela, no que participan 28 obradoiros e que se poderá visitar no segundo andar da obra social de Abanca do 17 ao 19 de decembro. Tamén impulsa talleres de iniciación aos oficios artesáns e demostracións en vivo de profesionais de Artesanía de Galicia no Mercado Galego da Creatividade que se desenvolverán ata o 5 de xaneiro.
Feijóo destaca a artesanía galega como o mellor escaparate da marca Galicia Calidade no que a tradición e a innovación van da man
O presidente da Xunta asistiu este mediodía á entrega dos Premios Artesanía de Galicia 2021. Salienta que o sector está formado hoxe por case 3.300 profesionais, que traballan en 749 obradoiros, e cuxas actividades dan emprego a máis de 7.800 persoas. Lembra que Galicia foi a primeira comunidade cunha marca propia neste eido, presente en países de todo o mundo como Xapón, Reino Unido, Australia, Suecia ou Italia. Resalta un investimento desde 2009 de preto de 22 millóns destinados á modernización, á mellora da comercialización e a formación de aprendices no sector. Traslada os parabéns aos premiados e finalistas e resalta a súa contribución ao patrimonio cultural galego.
Idoia Cuesta, Santiago Besteiro e Edita Rodríguez compiten polo Premio Artesanía de Galicia 2021
Os obradoiros que dirixen estes tres artesáns en Outeiro de Rei, Monterroso e Santiago de Compostela son os finalistas na categoría principal dun certame co que a Xunta de Galicia busca estimular o traballo de creación dos artesáns galegos, recoñecer a súa mellora continua e contribuír ao seu desenvolvemento
Os gañadores das tres categorías que conforman os galardóns, Premio Artesanía de Galicia, Premio Traxectoria e Bolsa Eloy Gesto, daranse a coñecer nun acto público que se celebrará no mes de decembro
Conde subliña que a cociña de vangarda atopa na Artesanía de Galicia un factor de diferenciación
O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, asistiu hoxe na Cidade da Cultura ás xornadas profesionais Artesanía no Prato, que buscan establecer novas sinerxías coa restauración, a decoración ou a organización de eventos. As xornadas forman parte dun proxecto grazas ao cal máis de 40 obradoiros de Artesanía de Galicia traballan con cociñeiros galegos e nacionais, ademais de distribuidoras de utensilios de hostalería. Conde destaca que a innovación, a internacionalización e a formación son a mellor maneira de seguir apostando por un sector que é un verdadeiro polo de talento e empredemento.
Artesanía no Prato reúne este domingo e o luns en Santiago a artesáns, cociñeiros e deseñadores para impulsar novos proxectos de colaboración
A Cidade da Cultura acolle as III Xornadas Profesionais Artesanía no Prato, enfocadas a incorporar as pezas da marca Artesanía de Galicia nos ámbitos da hostalería e da restauración, do comercio ou da decoración de interiores. Presentarán os seus produtos 33 obradoiros artesanais de oficios como a cerámica, a cestería, o coiro, a madeira, a olería, o vidro, o téxtil, a escultura, a estampaxe, a xoiería e a forxa. No encontro 10 chefs galegos de recoñecido prestixio realizarán demostracións gastronómicas en soportes de Artesanía de Galicia e con produtos de Galicia Calidade, PescadeRías e Mexillón de Galicia. Tamén se celebrarán tres coloquios arredor do papel da artesanía e do produto de proximidade no ámbito da cociña. Visitarán o encontro representantes do proxecto europeo Crafting Europe, que seleccionou Artesanía no Prato como exemplo de boas prácticas.